Sánchez anuncia que o 21 de xuño abren as fronteiras da UE

A partir dese día levántase a corentena e o 22 de xuño daranse os resultados da terceira parte do estudo de seroprevalencia.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou hoxe aos presidentes autonómicos, durante a décimo cuarta videoconferencia que se realiza durante o decreto de alarma, que esta será a última e que se levantarán os controis das fronteiras da Unión Europea a partir do 21 de xuño [Imaxe: Moncloa].
photo_camera O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou hoxe aos presidentes autonómicos, durante a décimo cuarta videoconferencia que se realiza durante o decreto de alarma, que esta será a última e que se levantarán os controis das fronteiras da Unión Europea a partir do 21 de xuño [Imaxe: Moncloa].

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou hoxe aos presidentes autonómicos, durante a décimo cuarta videoconferencia que se realiza durante o decreto de alarma, que esta será a última e que se levantarán os controis das fronteiras da Unión Europea a partir do 21 de xuño.

O xefe do Executivo argumentou que esta decisión se adopta ante a evolución favorábel da pandemia, polo que a partir do 21 de xuño, os estados membros levantarán os controis fronteirizos e e no Estado español tamén se levantará a corentena de 14 días que se estabeleceu para todas as persoas que chegasen a España do estranxeiro.

Ademais, esta será a última videoconferencia cos presidentes autonómicos, xusto cando se cumpren 3 meses desde que se decretou o estado de alarma o pasado 14 de marzo. Así o comunicou Pedro Sánchez, quen emprazou os xefes dos executivos autonómicos a unha conferencia presencial a finais de xullo, após os comicios na Galiza e no País Vasco.

Pedro Sánchez tamén adiantou os datos dos últimos 7 días, que suman 235 novas persoas contaxiadas e 27 falecidas por coronavirus. Tamén explicou que a terceira parte de test de seroprevalencia se coñecerá a partir do próximo 22 de xuño, unha vez que todo o territorio estea fóra xa do estado de alarma.

Está previsto que o presidente do Goberno estatal compareza ao finalizar este encontro, ao que tamén asisten a vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira; a ministra de Educación, Isabel Celáa; a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias; e o ministro de Sanidade, Salvador Illa.

Esta última videoconferencia realízase cando o Goberno aceptou xa que a Galiza abandone a fase 3 do plan do desconfinamento polo que mañá entrará no que se denominou a nova normalidade, converténdose así na primeira comunidade que deixa atrás o estado de alarma.

Ademais, o Goberno aceptou o avance na segunda feira 15 de xuño a fase 3 dos territorios manchegos de Toledo, Cidade Real e Albacete, fase na que xa estaban Cuenca e Guadalaxara. Progresan igualmente á fase 3 Burgos, Palencia, León, Zamora e Valladolid en Castela e León, mentres o resto de territorios continuarán na fase 2.

Pasan igualmente ao último chanzo do plan de desconfinamento a Comunidade Valenciana, así como as zonas sanitarias de Catalunya central e de Xirona e a Cidade Autónoma de Ceuta. Ademais, no caso de Estremadura, a partir da segunda feira poderase producir a mobilidade da cidadanía en todo o territorio, que até o momento se mantivo restrinxida.

Seguirá na fase 2 por tanto o resto de Catalunya e a Comunidade de Madrid, así como as zonas de Castela e León que non avanzaron: Salamanca, Ávila, Segovia e Soria. Poderán pedir nos próximos días o progreso de fase e cada caso debaterase e decidirá, aínda que todo o país abandonará as fases da desescalada cando o estado de alarma conclúa o 21 de xuño. "Progresarán á nova normalidade o 21 de xuño directamente” “sen pasar pola fase 3", apuntou o ministro de Sanidade.

Comentarios