A sala de Portavoces da Cámara seguirá a chamarse Rosón

Antonio Rosón foi un dirixente franquista.
Antonio Rosón Pérez dará nome á sala de portavoces do Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antonio Rosón Pérez dará nome á sala de portavoces do Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A sala da Xunta de Portavoces seguirá a denominarse Antonio Rosón, quen ocupou a xefatura da Xunta pre autonómica e presidiu a Cámara galega. Así o decidiu hoxe o Parlamento ao PP votar en contra dunha iniciativa do BNG para retirar o seu nome da sala.

O pasado 27 de xullo a Mesa da Cámara, cos votos favorábeis do PP, a abstención do PSdeG e a negativa do BNG, acordou designar como sala Antonio Rosón esa estancia da Cámara.

O nomeamento foi contestado pola vinculación de Rosón coa ditadura franquista e a represión, así como por ser presidente da Deputación Provincial de Lugo baixo a ditadura, ser referencia do sindicato vertical agrario e procurador nas Cortes franquistas.

O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, considerou que este debate non preocupa na sociedade e gabou o papel de Rosón como presidente do Parlamento. 

O deputado do BNG Luís Bará lembrou que Rosón foi militante falanxista e o seu papel activo no golpe militar contra a República, que el mesmo recoñeceu. 

O PSdeG abstívose esta terza feira de novo ao non aceptar o BNG unha emenda en que pedían que se confeccionase de novo unha lista de nomes para elixir unha proposta por consenso. 

Situación histórica

A sospeita paira sobre a figura de Antonio Rosón desde xullo de 1936. En xuño de 1977, o xornalista José Luis Morales daba a coñecer nas páxinas da revista Interviu un pioneiro traballo de investigación sobre a participación no aparello represivo franquista dos irmáns Antonio e Luis Rosón Pérez así como dos seus curmáns Fermín, Manuel e Pascual.

Comentarios