luns 13.07.2020

Olalla Rodil (BNG): "Saímos a facer historia e pór a primeira nacionalista na Presidencia"

Entrevistamos Olalla Rodil Fernández, candidata número 1 do BNG por Lugo ás eleccións galegas do 12-X.
A xornalista e parlamentaria Olalla Rodil volve encabezar a candidatura do BNG por Lugo. (Imaxe: Nós Diario)
A xornalista e parlamentaria Olalla Rodil volve encabezar a candidatura do BNG por Lugo. (Imaxe: Nós Diario)

—As enquisas sitúan o BNG por riba do PSdeG na circunscrición de Lugo. Cales son as chaves da recuperación?

As enquisas hai que collelas con prudencia. O certo é que amosan unha tendencia que reflicte a ilusión existente ao redor do BNG. Eu creo que a chave da recuperación do Bloque está en ter un proxecto político sólido, claro e de futuro para o país, e ter ademais un liderado forte e consolidado como o de Ana Pontón. 

—E se Feixoo perde a maioría mais o BNG non dá superado o PSdeG, apoiarían Caballero ou Reino como presidente?

As posíbeis coalicións vanas decidir as galegas e os galegos co seu voto o 12 de xullo. Nós, ao que saímos é a facer historia e a pór a primeira muller presidenta, nacionalista e feminista, á fronte da Xunta da Galiza. Ese é o obxectivo que nos marcamos, temos a convicción de que podemos lograr un cambio de Goberno e un cambio real na Galiza liderado polo BNG.

—Cal ha de ser a primeira medida do novo Goberno galego para o Lugo pos COVID-19?

Dada a situación que estamos a vivir na Mariña unha das primeiras medidas ten que ser a nacionalización da fábrica de aluminio en San Cibrao (Cervo) e impedir a toda costa que se destrúa nin un só posto de traballo no tecido industrial do país . Debemos evitar como sexa a ruína dunha comarca enteira, que é o que suporía o feche da fábrica de San Cibrao. 

Mais a Moncloa descarta nacionalizar de primeiras e aposta por que a empresa fique ou facilite que un comprador a adquira.

Despois da posición tan clara de Alcoa a prol de fechar, a única solución que hai agora para manter os postos de traballo e a produción de aluminio primario na Galiza é a intervención pública da fábrica. Só hai unha saída, e pasa pola nacionalización e pola aprobación dunha tarifa eléctrica galega que nos permita acabar co espolio enerxético deste país, para que non haxa nin un só emprego en risco na Galiza por mor do prezo da enerxía, máis aínda cando este país é produtor excedentario de electricidade.  

—Que lección deixa a pandemia?

A primeira reflexión é a necesidade de fortalecer os servizos públicos como garantía de que todas e todos imos ter dereito á saúde e atendermos os coidados das persoas maiores. A segunda reflexión é que o modelo de globalización e o sistema económico en que estamos inmersas está fracasado, e que cómpre apostarmos por unha maior intervención pública para garantir o mantemento do emprego, a  defensa dos dereitos da clase traballadora e o dereito a desenvolver económica e socialmente a Galiza. 

comentarios