Unha delegación do Parlamento galego visita o Sáhara Occidental

Parlamentares das catro forzas políticas con representación na Cámara galega aterraron na cidade de El Aaiún (Sáhara Occidental) esta sexta feira para amosar a súa solidariedade co pobo sahariano e demandar o cumprimento dos acordos que instan a convocatoria dun referendo de autodeterminación. 

interparlamenta
photo_camera [Imaxe: SG]

Unha delegación do Parlamento galego viaxou esta sexta feira (28 de febreiro) até El Aaiún con motivo do debate sobre a Operación MINURSO (Mission des Nations Unies pour l'Organisation d'un Référendum au Sahara Occidental). E é que as Nacións Unidas decidirán nas vindeiras semanas se manteñen ou non a operación no Sáhara Occidental e, de facelo, en que condicións permanecerán no territorio.

A delegación interparlamentar galega está conformada por representantes das catro forzas da Cámara,  Montse Prado (BNG), Xabier Ron (AGE), Carmen Gallego (PSdeG-PSOE) e un deputado do Partido Popular. Tamén así por integrantes da asociación Solidariedade galega co pobo sahariano. O seu obxectivo é desenvolver unha campaña de solidariedade que inste as Nacións Unidas e as autoridades marroquinas a respectaren e garantiren o cumrprimento do dereito de autodeterminación para o pobo sahariano --nas condicións en que foi acordado.

Segundo fontes próximas á delegación consultadas por Sermos Galiza, @s parlamentares dubidaban de se Marrocos permitiría a súa entrada en El Aaiún ou se, pola contra, serían expulsad@s tal e como aconteceu hai unhas semanas cunha outra comitiva de solidariedade británica. 

As autoridades marroquinas expulsaron hai tres semanas unha outra delegación vinda do Reino Unido

Porén, arredor das 18.15 horas, @s representantes institucións galeg@s aterraban no aeroporto de El Aaiún e desprazábanse xa cara o campo. Alí permanecerán --sempre que non sexan expulsad@s polas forzas de seguridade marroquinas-- até o domingo (2 de marzo). Na viaxe está previsto que se reúnan con activistas para a defensa dos Dereitos Humanos no Sáhara. 

Unha Operación de Nacións Unidas para convocar o referendo de autodeterminación

Cumpre lembrar que a MINURSO foi constituída en 1991 para garantir a celebración dun referendo de autodeterminación, en aplicación do acordo adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Neste senso, a súa encomenda foi a elaboración dun censo electoral que continúa pendente, ao igual que a propia celebración da consulta. 

Aliás, a Operación MINURSO non está capacitada para garantir o cumprimento dos dereitos humanos no Sáhara habida conta que, ao contrario do que acontece noutros territorios, non conta con competencias para actuar e exixir a Marrocos que cese na súa ofensiva contra o pobo sahariano, desterrado no deserto e concentrado, en boa medida, nos campos de refuxiad@s, onde se suceden as violacións de dereitos fundamentais por parte das autoridades marroquinas. 

Neste senso, a delegación apoiará as reivindicacións das organizacións locais que exixen a ampliación competencial da MINURSO e o cumprimento do acordo adoptado polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas en que esta foi constituída. 

Comentarios