Sada aproba en pleno que se investigue Juan Carlos I e se lle retire o título de rei emérito

A moción impulsada por ‘Galiza pola República’ tivo o apoio de Sada Maioría, BNG e Alternativa dos Veciños, absténdose o PSOE e votando en contra o PP.

Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Parlamento de Nafarroa).
photo_camera Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Imaxe: Parlamento de Nafarroa).

Sada é o primeiro concello da Galiza que aproba unha moción solicitando que se cree unha comisión de investigación sobre o rei emérito español, Juan Carlos de Borbón, e que este devolva o diñeiro recibido de fondos públicos.

Así o sinalan a Nós Diario desde a plataforma ‘Galiza pola República’, impulsora da moción debatida na sesión plenaria destas quinta feira en Sada e que saíu adiante co voto de Sada Maioría, BNG e Alternativa dos Veciños, as tres formacións que a presentaron. O PSOE abstívose e o PP votou en contra.

Esta moción foi rexeitada no pleno do Concello da Coruña en agosto cos votos de PP e PSOE mais en Sada os socialistas optaron por se abster.

Desde ‘Galiza pola República’, plataforma que agrupa diferentes organizacións políticas, sindicais e colectivos sociais, salientan a importancia deste paso e indican que abre as portas a presentar esta moción en máis concellos galegos.

No texto da iniciativa aprobada na sesión plenaria “condénase a fuxida de Juan Carlos I” e ínstase ao Goberno español a que cree unha comisión de investigación “sobre os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades”.

Ademais, pídese ao Executivo estatal que retire o título de rei emérito a Ju7an Carlos I e que “inicie os procesos necesarios” para que se leve a cabo un “referendo” sobre a forma de Estado.

Comentarios