FORTE DEBATE INTERNO NO PSOE

Sánchez inclínase por non deixar gobernar a Rajoy, contra a opinión de Susana Díaz

Sen tregua no PSOE. Cos resultados do 26X aínda quentes, a batalla interna rebrotou con forza e evidenciou a existencia de dúas liñas distintas. O grupo liderado polo secretario xeral, Pedro Sánchez, négase a permitir o goberno de Rajoy por activa ou por pasiva.

Antonio Hernando
photo_camera Antonio Hernando

O portavoz do grupo parlamentar do PSOE, Antonio Hernando, foi inequívoco ao afirmar esta segunda feira que "non imos apoiar a investidura de Rajoy nin nos imos abster".

De se manter firme o PSOE nesta posición, a investidura de Rajoy sería politicamente inviábel, ao ter como tope os 175 votos afirmativos (os 137 do PP, os 32 de Cs, os 5 do PNV e o de Coalición Canaria). Empatarían cos 175 votos negativos (PSOE, UP e confluencias, ERC, CDC e EH Bildu) e, portanto, o Parlamento non outorgaría a confianza ao candidato.

Hernando non fixo máis que verbalizar en público a mesma posición que defendeu fóra dos focos e das gravadoras Sánchez na reunión de urxencia que realizou a mañá desta segunda feira a Executiva do PSOE. Alí, segundo fontes consultadas por Europa Press, o líder socialdemócrata advogou por non facilitar a reválida de Rajoy como presidente do goberno.

Sánchez amaga, por tanto, con reeditar o acordo con Ciudadanos e con presionar politicamente a Podemos

Mais Sánchez está aínda lonxe de ter neutralizado a súa oposición interna. Esta mesma segunda feira, as voces de Susana Díaz e de Guillermo Fernández Vara -presidentes de Andalucía e Estremadura, respectivamente- alzáronse a prol de que o PSOE asuma o papel de líder da oposición e, consecuentemente, deixe gobernar a Rajoy.

Neste sentido, Susana Díaz foi particularmente clara ao sinalar que "é evidente que os cidadáns nos enviaron á oposición". Aliás, a baronesa andaluza perdeu capacidade de presión interna ao terse visto superado polo PP este 26X no seu feudo.

Sánchez amaga, por tanto, con reeditar o acordo con Ciudadanos e con presionar politicamente a Podemos para que desta volta asuma o que non avalou após o 20D: a investidura de Sánchez como cabeza dun goberno de coligazón con Rivera.

Máis en POLÍTICA
Comentarios