Ruptura democrática e soberanía de Galiza, a debate

Debe ser Galiza un Estado propio? Pode selo a partir do actual marco xurídico-político? Que representaría para o pobo galego conquistar a soberanía? A Faculdade de Políticas da USC acolleu esta cuarta feira un suxestivo debate, organizado polos Comités, sobre o dereito de Galiza a se autodeterminar.

CxG, BNG, Nós-UP, Anova, Causa Galiza e Converxencia XXI
photo_camera CxG, BNG, Nós-UP, Anova, Causa Galiza e Converxencia XXI

Sentadas arredor dunha mesma mesa seis organizacións políticas que tiñan por diante o reto de defenderen seus posicionamentos políticos arredor destas cuestións. Bloque Nacionalista Galego, Causa Galiza, Nós-Unidade Popular, Compromiso por Galicia, Anova-Irmandade Nacionalista e Converxencia XXI debullaron en máis de dúas horas de debate por que a loita a prol da soberanía nacional galega debe situarse na axenda política. Porén, as estratexias e tácticas deixaron en evidencia que no nacionalismo galego non todos son iguais. 

O fracaso da vía autonomista? 
"España é a nosa ruina" sintetizaba na súa primeira intervención o secretario xeral de Primeira Linha e membro da dirección política de Nós-UP, Carlos Morais. O status político de Galiza no seo do Estado español e da andamiaxe xurídico-política que o constitúe centraron inicialmente o debate. A construción dunha Galiza soberana e o proceso a través do cal o pobo galego se dote de instrumentos políticos de seu amosaron os primeiros puntos de desencontro entre as formacións que tomaron parte da xornada de debate convocada polos Comités. 

"O Estado español é incapaz de abrir vías institucionais e democráticas" que permitan a Galiza rachar coa dependencia e procurar a soberanía nacional do pobo galego, aseverou con rotundidade Joam Peres de Causa Galiza. Ficaba claro que a vía de reforma estatutaria non servía ás formacións independentistas como ferramenta para procurar a liberación nacional. No entanto o representante de Compromiso por Galicia e membro do seu Consello político, Paulo Carlos López retrucou aos voceiros de Nós-UP e Causa Galiza asegurando que "o maior atranco" para a "construción nacional" de Galiza "non é a Constitución española" senón a falta de conciencia nacional do pobo galego. "Se Escocia conseguiu chegar a un acordo con Gran Bretaña" para a celebración dun referendo de autodeterminación, afirmou o galeguista, para Compromiso por Galiza nacións como a galega tamén poderían optar á plena soberanía a través da reforma estatutaria ou da convocatoria dunha consulta popular inserida no actual marco político-institucional. 

O que para moit@s se está a converter nunha "segunda transición" podería supor para Galiza unha vía para se emancipar --semellaba apuntar o representante de CxG-- porén, Morais tíñao claro, "a oligarquía española" apuntou "fará unha serie de cambios para que todo siga igual". Neste senso, continuou o secretario xeral de Primeira Linha a "crise do Estado español"; non só "económica, senón social, política e institucional" --acrecentaba Ana Pontón do BNG-- convértese nunha oportunidade para encetar procesos de liberación nacional non reformistas senón "de ruptura democrática". 

A auto-organización do pobo nun contexto de crise sistémica
Como camiñar cara ese "proceso constituínte" foi outra das cuestións achegadas polas formacións políticas. No punto de mira da maior parte delas a coalición electoral que uniu unha parte do nacionalismo galego con Esquerda Unida. "O principio de auto-organizción", asegurou Ana Pontón polo BNG debe rexer "as nacións sen estado que queiran artellar un movemento de liberación nacional". O contrario, foi mesmo tildado de "alianza antinatura". Malia que o representante da Anova foi interpelado de maneira directa en distintas ocasións en referencia á concorrencia electoral da súa formación con EU, Ricardo Garrido abstívose de respostar ás acusacións lanzadas desde todas as bandas. Porén, defendeu a alianza electoral en aras de pular pola "esquerda social" fronte á crise sistémica, unha aseveración que lle custou o retruque das demais formacións. 

Neste senso Joam Peres considerou imposíbel "facer unha política de esquerdas sen soberanía política". Xunto a el, a deputada do Bloque, Ana Pontón, asegurou que a "liberación social e nacional" eran dous proxectos parellos pois só a través da "capacidade real de Galiza para decidir" sobre os seus asuntos --continuou Pontón-- permitirán "resolver os seus problemas". 

A soberanía como ferramenta para saír da crise política, económica e social que atinxe a Galiza. Ese foi o eixo central do debate e aquela cuestión que máis achegou ás formacións políticas representadas na mesa. Rachar "coa dependencia política" de Galiza a prol dunha saída "xusta e social da crise" deixou entrever os puntos de encontro que poderían aproximar algunhas das organizacións que compoñen o nacionalismo galego e que xa concorreron de maneira conxunta en accións como a manifestación nacional do pasado 3 de marzo. 

Neste senso, apuntan, a xeración "de conciencia nacional" e a formulación dun "discurso pedagóxico" que ligue a cuestión nacional cos problemas reais que atinxen día a día á cidadanía son algunhas das conclusións tiradas do debate pois "poder decidir", afirmaron "é básico para pór solución aos nosos problemas". 

Comentarios