O próximo ciclo eleitoral paira sobre discurso de Fin de Ano de Rueda

A  tradicional mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta da Galiza tivo un claro pouso electoral. Os diversos comicios de 2023 pairaron ao longo de toda a súa intervención.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, durante a gravación da mensaxe de Fin de Ano 2022. Oficina de Acollida do Peregrino, Santiago de Compostela, 28/12/22.
photo_camera O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, durante a gravación da mensaxe de Fin de Ano 2022. (Foto: Xunta da Galiza).

Alfonso Rueda comezou a súa intervención sacando peito pola xestión política deste Ano Santo. Neste sentido, sinalou que “batemos noso récord histórico de visitantes”, “o que significa que puidemos demostrar a nosa hospitalidade a moita máis xente, de moitos lugares de España e tamén do resto do mundo”.

Rueda apuntouse ao discurso máis centralista do Partido Popular para afirmar que “a mellor carta de presentación de Galiza deben ser os valores que nos unen”, significando que “esta terra é exemplo de responsabilidade, de estabilidade e de solidariedade”.

O mandatario galego insistiu en que “seguiremos polo tanto afastados da confrontación estéril” nun claro reproche ás comunidades gobernadas polos nacionalistas, malia a apuntar que “defenderemos con lealdade e argumentos aquelas causas que entendemos xustas e útiles para esta terra, para Galiza”.

Os servizos públicos

O presidente da Xunta da Galiza fíxose eco do malestar da poboación coa funcionamento dos servizos públicos. Nesta dirección, declarou sentirse “moi orgullosos de ter construído entre todos uns servizos públicos de primeiro nivel”.

Rueda destacou que “os servizos públicos son unha das nosas maiores riquezas” e dixo entender que “sexamos inconformistas e aspiremos sempre á excelencia” nunha referencia ás protestas dos colectivos sociais.

O dirixente popular comprometeuse a “seguir facendo todo canto estea na súa man para ofrecer aos galegos a sanidade pública que merecen, para ofrecerlles unha educación que abra cada vez máis portas e para prestar a axuda que necesitan as familias con fillos ou que estean coidando a persoas dependentes”.

A situación económica

O máximo responsábel do Goberno galego referiuse á situación de crise económica e tentou empatizar cos “moitos galegos” que “pasan estas datas preocupados pola súa economía familiar ou pola viabilidade do seu negocio”.

Rueda chamou a “aproveitar as oportunidades que se agochan no contexto económico actual, que tamén as hai". Nesta dirección, reclamou aproveitar as potencialidades da Galiza “cunha posición xeográfica privilexiada que nos ofrece o noso balcón sobre o Atlántico”.

O mandatario galego non desaproveitou a oportunidade para cargar contra o Executivo do Estado. Neste sentido, reclamoulle ao “Goberno central, que é quen ten as chaves do reparto”, máis fondos para sacar adiante os proxectos empresariais ligados aos fondos Next Generation.

Comentarios