Consello da Xunta

Rueda, sobre a taxa turística: "Pode dar a imaxe non real dunha Galiza masificada, e non é así"

O Goberno galego non se opón, de inicio, a un imposto autonómico sobre o turismo, tal e como lle reclaman concellos como o de Compostela, mais non é prato do seu gusto. Así o veu recoñecer esta segunda feira o presidente galego, Alfonso Rueda, que dixo que este gravame "pode dar a imaxe non real dunha Galiza masificada e non é así". Compostela, o Concello que remitiu á Xunta o informe coa proposta para este tributo, soporta a presión turística máis alta do Estado.
Diego Calvo e Alfonso Rueda, esta segunda feira, na reunión semanal do Goberno galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Diego Calvo e Alfonso Rueda, esta segunda feira, na reunión semanal do Goberno galego. (Foto: Arxina)

O Goberno galego estudará a proposta para estabelecer un imposto sobre estadías turísticas, a "taxa turística". De inicio, como recoñeceu Alfonso Rueda esta segunda feira a preguntas de Nós Diario na comparecencia após o Consello da Xunta, "non me nego" a que o Goberno galego —que é quen ten a competencia— poida acabar fixando este tipo de imposto. Mais, lembrou a seguir o mandatario galego, "teño a miña opinión sobre esa taxa". E esa opinión é que "dá a imaxe non real dunha Galiza masificada e non é iso".

Ao tempo que Rueda facía estas manifestacións en San Caetano, sede central da Administración galega, Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica e portavoz do Goberno local de Compostela, reiterou a disposición ao diálogo do Executivo da capital galega coa Xunta. Louzao instou a ler o documento na súa totalidade e apuntou que no informe está plenamente xustificada a implantación dunha taxa para Compostela "pola presión turística que soporta a capital galega, a máis alta de todo o Estado".

Tal e como recolle o documento, elaborado por expertos da Universidade de Compostela, a presión turística na cidade é de 9,45 turistas por habitante, o que supón 5 puntos máis que en Barcelona ou Sevilla, cidades que se adoitan pór como referencia de "masificación" turística.

Noutra orde das cousas, Rueda anunciou que para setembro o Goberno galego terá listo o proxecto de lei sobre a Intelixencia Artificial (IA). "Seremos a primeira comunidade en regular isto", dixo, e con isto "queremos dar seguridade de que haxa un uso seguro da IA".

A preguntas da prensa, o titular da Xunta da Galiza reiterou o malestar do Executivo polas "consecuencias da parálise" de proxectos eólicos por decisións xudiciais do TSXG, algo que non acontece, apunta, "cos tribunais superiores doutras comunidades".

"Avalancha"

Tamén foi interpelado Rueda sobre as palabras do portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, nas que propuxo despregar a Armada Española para evitar a chegada de embarcacións ás Illas Canarias. "O que non pode ser é que non haxa ningún control sobre as nosas fronteiras. Iso non quere dicir que (despregar a Armada) sexa para que non chegue ninguén, senón que é necesaria "unha regulación". O presidente tamén afirmou que a Xunta será "solidaria" na repartición de menores migrantes que chegan a Canarias, mais reclama medidas para frear o que cualificou como "avalancha".

Festivos de 2025

No Consello da Xunta desta segunda feira tamén se aprobaron os festivos autonómicos para 2025 (17 de maio e 25 de xullo) e un informe de seguimento das obras de Alta Velocidade a Galiza-Portugal, co que reclaman ao Goberno estatal maior celeridade.

Comentarios