Rueda ve interese do Goberno estatal na polémica da campaña da Xunta polo 25-N

Rexeita o ataque de Vox a Montero, mais evita afear o PP non aplaudir á ministra e esgrime: PSOE e BNG tampouco aplaudiron a súa mención a Fraga.

Alfonso Rueda, esta quinta feira, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego. (Foto: Xunta)
photo_camera Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego. (Foto: Xunta)

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, manifestou, ante a polémica suscitada por unha campaña para combater a violencia machista, que, aínda que respecta as "críticas" e entende que "todas as campañas son opinábeis", non está de acordo coa visión de que "se responsabiliza ás mulleres".

A continuación, apuntou á intencionalidade política, xa que ve detrás de determinadas críticas un intento do Ministerio de Igualdade de "desviar a atención" cando a lei do 'só si é si' está no foco. Críticas que tamén dirixiu contra o BNG, ao que acusou de presentarse como os ünicos “que poden falar de violencia machista”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, preguntado sobre se procederá a retirar a campaña ante a polémica xerada, o presidente galego esgrimiu que esta -que segundo fontes do Goberno galego non se puxo en marcha con motivo do 25-N senón previamente- leva "un mes" en distintos soportes e a súa planificación está "practicamente finalizada".

Sorprendido polo balbordo, engadiu que "resulta curioso" que "a maior controversia veña do Goberno estatal" e, en concreto, de "representantes" do Ministerio de Igualdade que estes días están a ser "duramente criticados" polas consecuencias da lei do 'só si é si', “que permitiu a rebaixa de penas a agresores sexuais”.

"Entendo que lles interese moito", incidiu, antes de defender o concepto da campaña galega, que tentaba "plasmar situacións cotiás" nas que as mulleres "sofren consecuencias do machismo", aínda que "non debería" ser así.

"Unha muller xamais debería pasar medo pola rúa ou nunha discoteca, pero pode pasalo e non podemos asumir que é normal", explicou, antes de incidir en que, en todo caso, entende que todas as campañas son "opinables" e respecta as críticas.

Insultos

Por outra parte, Rueda foi preguntado acerca de por que o PP non se sumou na pasada xornada ao aplauso pola resposta de Irene Montero despois de que a deputada de Vox Carla Toscano afirmase que o seu único mérito era "estudar en profundidade" Pablo Iglesias. Tamén foi cuestionado acerca de se está de acordo en referirse así á ministra de Igualdade.

Rueda replicou que "non" está de acordo, mais evitou afear o PP que non aplaudise, e sinalou que, tamén esta cuarta feira, el realizou no Parlamento galego un recoñecemento a "unha figura histórica" como a do falecido Manuel Fraga con motivo do centenario do seu nacemento ao que non se sumaron ningún dos dous grupos da oposición, BNG e PSdeG.

Comentarios