Rueda urxe ao goberno de Rajoy a que aprobe a reforma electoral contra as maiorías

O vicepresidente da Xunta defende que unha decisión de tanta importancia pode ser aprobada cos únicos votos do PP malia que a vitoria automática da lista máis votada podería provocar gobernos se capacidade para actuar e a oposición considera que se trata dun “pucheirazo”.

photo_camera Rueda.

O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, urxe a que se aprobe a reforma electoral para que goberne a lista máis votada e defende tamén que o seu partido impulse en solitario a polémica modificación electoral que recentemente retomou o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, a pesar de que non alcance o "consenso" coa oposición.

Nunha entrevista concedida a Europa Press e coa vista nas eleccións municipais do ano próximo, Rueda recordou que o PPdeG leva "moito tempo" coa reivindicación de que gañe a lista máis votada aínda que non represente á maioría ideolóxica e manifestou que isto "debería poñerse en marcha canto antes", se ben admite que os "tempos" para esta medida se marcan no ámbito estatal. En todo caso, manifestou que "espera" que frutifique antes de que finalice a actual lexislatura de Rajoy, antes de cargar contra os que "critican e denostan" a proposta dos populares co argumento de que detrás dela se esconde "interese electoral”.

"Eu tamén podería dicir que eles non queren por puro interese electoral", contrapuxo, para alegar que no actual contexto político a reforma permitiría que os cidadáns "sentan realmente que a súa participación a través do voto", sobre todo no ámbito local, ten "un efecto directo". "Non se me ocorre mellor fórmula", reflexionou.

"É ao partido máis votado ao que lle corresponde gobernar", asegura o dirixente do PP galego, que se vale de alianzas en moitos concellos

Como o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, Rueda é partidario de que goberne sempre o máis votado. Así, garantiu que se nas próximas eleccións outro partido diferente ao seu alcanzase esta condición, os populares dirían "que é ao que lle corresponde gobernar". "E moito máis cdebería ser así nunhas eleccións onde todo é tan directo como nas municipais", continuou, para expoñer que @s populares non puideron gobernar concellos nos que quedaron moi poucos edís da maioría absoluta" porque os os seus rivais "se aliaron" para impedilo.

Por iso, se a oposición mantén a súa negativa fronte á proposta de que goberne a lista máis votada, Rueda cre que o PP "si" debería impulsala igualmente en solitario. Ao seu entender, é preciso buscar o "máximo consenso" pero, se non é posible, os populares tampouco poden renunciar a dar este paso. "¡Tamén teremos dereito a exercer a nosa condición de lista máis votada e de maioría absoluta!", esgrimiu.

Comentarios