28-M

Rueda chama ao "voto útil ao PP" para construír "maiorías potentes"

"Un voto útil e non dispersado que, ao final, vale para moi pouco", demandou o presidente da Xunta e do PPdeG.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e o alcalde e candidato á reelección en Ordes, José Luis Martínez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e o alcalde e candidato á reelección en Ordes, José Luis Martínez. (Foto: Nós Diario)

O titular do Executivo galego e presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou esta sexta feira o Partido Popular como o "voto útil" para constituír "maiorías potentes", nun acto xunto ao actual rexedor e candidato á reelección en Ordes (comarca homónima), José Luís Martínez. En declaracións aos xornalistas, cualificou de "intensa" a axenda pola convocatoria das eleccións municipais, mais insistiu en aproveitar as "últimas horas de campaña" para sumar apoios ao PP.

Como exemplo dunha "maioría potente" puxo o caso de Ordes, onde, dixo, "o voto estivo noutros momentos disperso" fronte a unha lexislatura "con maioría, que permitiu facer moitas cousas". Por iso, instou a "concentrar" o voto no PP neste e outros concellos. "Un voto útil e non dispersado que, ao final, vale para moi pouco". "Fan falta maiorías potentes para facer gobernos potentes", recalcou.

"A mostra é que os gobernantes potentes son capaces de chegar a acordos porque non teñen outra débeda que cos veciños que lles votan", engadiu Rueda que, na mesla liña, pediu "ese apoio potente ás candidaturas do PP" por todo o país.

Da campaña, admitiu que chega "canso" a esta recta final por tratarse de "días intensos", pero subliñou que o obxectivo nestes comicios é estar "con moita xente". Ao tempo, rexeitou que haxa que recorrer a outras fórmulas distintas aos actos tradicionais en campaña. "Aos do PP acudiron e nun gran número, entendo que outros candidatos teñan que facelo paseando porque a xente non lles acode", sinalou, sobre os mítines.

Aliás, mostrouse convencido de que o Partido Popular obterá mellores resultados que en 2019, un ano no que admitiu que "non foron bos" —ficou fóra do goberno das sete grandes cidades—. "O obxectivo é melloralo e, canto máis, mellor", subliñou.

Feixoo: "Desde Galiza pódese cambiar o Goberno de España"

Esta mesma sexta feira, o líder do PP no Estado español, Alberto Núñez Feixoo, difundiu á militancia da formación conservadora un vídeo no que pide o voto para os candidatos populares neste 28-M para lanzar unha mensaxe: "Que desde Galiza pode cambiarse o Goberno de España".

Desde o aeroporto de Barcelona, na última xornada de campaña, Feixoo afirma que lle gustaría "estar na casa, na Galiza". "Sempre levo á Galiza, alí onde estea", traslada, antes de chamar ao voto aos seus candidatos galegos, co argumento de que "unha papeleta a favor do PPdeG é sinónimo de estabilidade, confianza e planificación".

Comentarios