Rueda pide o voto para o PP para desaloxar a Sánchez da Moncloa

A campaña do Partido Popular chegou hoxe a Sarria. Nunha praza onde a dereita concorre divida en tres listas, Alfonso Rueda reclamou o voto para a súa formación co fin de desaloxar a Pedro Sánchez da Moncloa.

ARuedaEnSarria1
photo_camera Alfonso Rueda coa candidata do PP en Sarria Carmen José López. (Foto: Nós Diario).

Alfonso Rueda volveu situar as eleccións locais de 28 de maio como un referendo sobre a xestión de Pedro Sánchez. Na liña argumental da campaña dos populares presentou os comicios como unhas primarias das estatais.

Rueda afirmou que “o candidato do PSOE máis necesitado dos votos nas municipais non se presenta en ningún concello galego”. Neste sentido, indicou que “vive na Moncloa, chámase Pedro Sánchez e fará seus todos os votos”.

O mandatario galego denunciou os incumprimentos do Executivo do Estado con Galiza. Nesta dirección, afeoulle os seus atrasos en infraestruturas “chaves” para o país e demandou un maior compromiso investidor.

O dirixente do PP galego asegurou que “a  última data dada polo Goberno central para a chegada dos trens de alta velocidade a toda Galiza será unha de tantas que prometen e nunca cumpren”.

A dereita dividida

O presidentes dos populares presentou á candidata do seu partido en Sarria como “unha aposta valente para recuperar a ilusión e a unidade desde unha alcaldía con moito potencial” e reclamou “un cambio de Goberno en Sarria liderado por Carmen José López”.

Rueda asegurou  que “as novas etapas sempre xeran ilusión e Carmen sabe como funciona a administración para que o concello deixe de endebedarse, e tamén para que se recupere mediante un novo equipo de Goberno unido que mira ao futuro coma un reto, sen preocuparse polos demais”.

Carmen José López chegou á cabeza de lista da formación após un proceso convulso no interior do partido, con tres listas á presidencia local da formación e a derrota do candidato oficial que ficou excluído da candidatura.

O propio voceiro do partido na corporación local, José Manuel Bello, rematou por abandonar a formación para liderar a lista de Ciudadanos aos comicios de 28 de maio. Asemade, Vox concorre, tamén, na localidade cunha candidatura, á que as sondaxes non lle dan posibilidades de conseguir representación.  

Comentarios