Rueda, Mañueco e Barbón demandan impulsar o Corredor Atlántico

Os tres Gobernos consideran "imprescindíbel aproveitar a oportunidade única" do reforzo dos orzamentos da Unión Europea (UE) para impulsar a remodelación global da rede ferroviaria do noroeste que está incluída no Corredor Atlántico.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, atendendo os medios de comunicación. (Foto: Rodrigo Paz - Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, atendendo os medios de comunicación. (Foto: Rodrigo Paz - Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou onte, en Vigo, un cumio co presidente de Asturias, Adrián Barbón, o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, para "reivindicar o impulso do Corredor Atlántico do Noroeste". A xuntanza decorrerá a próxima sexta feira 27 de xaneiro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

Con este cumio, o presidente da Xunta pretende "convocar todas as forzas económicas e sociais" das tres comunidades para lanzar a mensaxe de que "non imos permitir que se fagan noutros territorios do Estado á custa de non facelas aquí", declarou Rueda

Da mesma maneira, o presidente do Executivo galego considera que, no momento no que se deseñan as grandes redes europeas de transporte, "hai que ser ecuánimes". 

Oportunidade 'única'

Os tres Gobernos consideran "imprescindíbel aproveitar a oportunidade única" do reforzo dos orzamentos da Unión Europea (UE) para impulsar a remodelación global da rede ferroviaria do noroeste que está incluída no Corredor Atlántico. Durante o cumio farase pública a estratexia elaborada de maneira coordinada pola Galiza, Asturias e Castela e León para definir os obxectivos concretos e as liñas de traballo "que deben guiar a modernización da rede ferroviaria de mercadorías no noroeste e incrementar a súa competitividade territorial". 

Entre eses obxectivos, está o de triplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no horizonte do ano 2024, sendo posíbel así transportar a través de ferrocarril até 12% das mercadorías, así como a elaboración dun plan director  do Corredor Atlántico que atenda as necesidades do noroeste e impulse inversións da UE.

Comentarios