#MUNICIPAIS2015

Rueda evita falar de pactos electorais porque son para "os que saben que van perder”

O vicepresidente da Xunta critica aos socialistas por pecharse a alianzas co PP.

Alfonso Rueda


O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, esquivou este domingo as preguntas sobre posíbeis alianzas electorais cara as eleccións municipais do 24 de maio. Rueda asegurou que “os que falan de pactos son os que saben que van perder”.

Si valorou as declaracións do líder socialista, que advertiu de que pactarían con todos agás co PP. Unha posición que criticou o vicepresidente da Xunta, nunha entrevista concedida á Cadena Ser.

Preguntado sobre se estas eleccións marcarán a fin do bipartidismo, Rueda manifestou que de producirse esta quebra, será pola banda do PSOE. Porén, recoñeceu que as expectativas electorais dos populares son peores que en 2011.

O secretario xeral do PP galego marcou como obxectivos para a súa formación a permanencia nas tres deputacións (Pontevedra, Ourense e A Coruña), e gobernar “cando menos” en tres das sete cidades e en “máis da metade” de municipios de Galiza. 

Comentarios