Rueda di que "fará o posíbel" por manter os xulgados nas sete grandes cidades

A supresión dos partidos xudiciais provocou un tenso debate no Parlamento entre Alfonso Rueda e o ex ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. O vicepresidente prometeu "facer o posíbel" por manter os xulgados nas sete grandes cidades.

Á interpelación da deputada socialista Beatriz Sestayo sobre a supresión dos partidos xudiciais, o vicepresidente da Xunta aludiu ao libro branco sobre a modernización da Xustiza elaborado na etapa de Caamaño como ministro, indicando que xa nel se recollía a necesidade de "superar" o vixente mapa xudicial.

Sestayo retrucou cualificando de "indocumentado" e "mentiroso" a Rueda por non diferenciar entre "superar" e "suprimir". As continuas alusións ao ex ministro fixeron que este pedira intervir. "Eu son o autor intelectual dos tribunais de instancia, non da supresión dos partidos xudiciais", defendeuse Caamaño, quen lle pediu a Rueda que non xogara coa honra das persoas.

Rueda prometeu que fará o posíbel por manter xulgados nas sete grandes cidades galegas e engadiu que consultará co sector xudicial e lle pedirá ao goberno que teña en conta as especifidades de Galiza. A deputada do BNG, Tereixa Paz, amosouse incrédula ao  respecto, canto que, por lei orgánica, está previsto fixar un só partido xudicial por provincia. Paz demandou do vicepresidente que aplicase o artigo 20.2 do Estatuto de Autonomía de Galiza, no que se estabelece como competencia propia a delimitación das demarcacións territoriais dos órganos xurisdiccionais en Galiza.

Comentarios