Rueda di que esgotarán a lexislatura e pon Feijóo como o "mellor candidato" en 2016

O vice-presidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG dixo que hai incertidume no contexto estatal e que se manexan "varios escenarios".

Alfonso Rueda
photo_camera Alfonso Rueda

Alfonso Rueda pronunciouse a respeito dun hipotético adianto nas eleccións ao Parlamento galego previstas, a priori, para o outono de 2016. O secretario xeral do PPdeG e vice-presidente da Xunta tivo que saír ao paso das preguntas da imprensa após o voceiro do grupo parlamentar popular, Pedro Puy, asegurar que circunstancias "que non proceden de Galiza" poderían condicionar a convocatoria. 

"É certo que agora mesmo en España hai moita incertidume e manéxanse varios escenarios", dixo Rueda en referencia a uns novos comicios se finalmente PP ou PSOE non conseguen formar goberno, xuntos ou por separado. Porén, acrecentou, "en principio o noso [futuro] está marcado e o noso [obxectivo] é continuar a gobernar con estabilidade". 

Alfonso Rueda mesmo se animou a comparar a situación política que atinxe o país coa doutros territorios. "Agora vaise ver a diferenza entre ter estabilidade como na Galiza e o que está a acontecer en Catalunya. Entre ter un goberno con maioría que asegure estabilidade e o que pode pasar en España tamén", sinalou. 

Aliás, Rueda non dubidou en sinalar Feijóo como o "mellor candidato" para as eleccións ao Parlamento de Galiza como presidenciábel. Así as cousas, asegurou que o nome difinitivo sairá dun congreso. 

Comentarios