"Temos que mantela": Rueda defende a política lingüística que levou a que o galego xa non sexa a lingua máis falada na Galiza

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu onte manter a actual política lingüística do Goberno galego a pesar dos datos que indican unha perda histórica de galegofalantes. Rueda contrapuxo a "cordialidade lingüística" na Galiza entre galego e castelán fronte ao conflito que di que existe noutros territorios como Euskadi ou Catalunya.
Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza)

Por primeira vez na historia o castelán supera o galego como a lingua máis falada na Galiza. O número de mozos e mozas que fala español multiplica por catro aos que o fan en galego e das persoas menores de 20 anos case 8% recoñecen que non poder falar "nada" de galego e outro 22% di que o fala "con dificultade ". Son tres datos do Censo 2021 do Instituto Nacional de Estatística (INE) e por cuxas conclusións preguntou onte a prensa a Alfonso Rueda após finalizar a reunión semanal do Goberno galego.

Porén, o presidente da Xunta da Galiza, órgano entre cuxas funcións está a da defensa e promoción do galego, non realizou ningunha autocrítica, limitándose a sinalar que a Xunta ten que "facilitar" a "cordialidade lingüística" que hai na Galiza e que contrapuxo a "outras comunidades", en referencia a Euskadi e Catalunya. "Temos que mantela", reiterou Rueda, nunha defensa da política lingüística que o Goberno galego leva aplicando desde 2009. Para o titular da Xunta, o "reto" para o idioma propio pasa por "incorporar o galego ás novas tecnoloxías" e defendeu proxectos como o 'Proxecto Nós' para situar o galego no campo das tecnoloxías intelixentes.

Con esta breve resposta despachou Alfonso Rueda a cuestión da constante perda de galegofalantes, nomeadamente nas xeracións máis novas e nas áreas urbanas, e que levou mesmo a institucións como a Comisión europea a pedir cambios na política lingüística da Xunta da Galiza.

A situación que atravesa a sanidade galega tamén centrou parte da comparecencia do presidente. Por unha parte, para anunciar oficialmente o que xa adiantara o día anterior no Parlamento, que haberá un centenar de novos profesionais en Atención Privada. Por outra, para manter o seu apoio á xerente da área sanitaria Santiago-Barbanza, Eloísa Núñez, moi cuestionada após as recentes dimisións  de responsábeis sanitarios.

Conxelación de peaxes e OPE

Rueda ratificou onte na comparecencia que o Goberno galego autorizou o convenio que permitirá conxelar peaxes das autoestradas de titularidade autonómica —AG-55 e AG-57—en 2023, con 27.000 persoas usuarias diarias, e instou o Executivo estatal a facer o mesmo a respecto da  AP-9.

Outro dos anuncios foi o da aprobación no Consello da Xunta da OPE —oferta pública de emprego— pactada no seu día cos sindicatos UXT e CCOO e rexeitada pola CIG por "insuficiente". É unha oferta de 1.124 prazas para Administración xeral da Xunta, 60% de convocatoria libre e 40% de promoción interna.

Seguro para as festas

O Consello tamén aprobou o desenvolvemento da Lei de espectáculos, que incorpora aspectos como que as festas veciñais deberán de contar  cun seguro de responsabilidade civil por 200.000 euros.

Comentarios