Rueda defende a actuación de Industria ante a denuncia por 'favorecer' Greenalia

C presidente mostra a súa "máxima confianza" no proceder da secretaria xeral denunciada.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña contra a anterior directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e secretaria xeral de Industria da Xunta da Galiza, Paula Uría. Denúnciaa por presunta prevaricación e malversación de fondos na tramitación de varios parques eólicos de Greenalia, que ficaría “eximida” do pago de case 12 millóns. Unha cuestión ante a cal o presidente galego, preguntado por Nós Diario, fechou filas co proceder de Industria. "Máxima confianza" na Consellaría e na Administración galega "en xeral", dixo Alfonso Rueda, apuntando a seguir que "a Fiscalía faga o que teña que facer" a respecto da denuncia presentada pola entidade ambientalista.

Adega acusa Paula Uría de  “presunta prevaricación e malversación de fondos en relación á tramitación do plan industrial asociado á asignación de megawatts para o desenvolvemento dos proxectos eólicos Campelo (Coristanco) e Lamas de Feás (Baltar) de Greenalia Wind Power”, empresa da que é actualmente directiva a ex conselleira de Medio Ambiente con Núñez Feixoo, Beatriz Mato. Adega considera que Uría “eximiu a empresa da ex conselleira Beatriz Mato de ter que pagar perto de 12.000.000 euros á facenda pública”.

Estudo contra estudo

Noutra orde de asuntos, na súa comparecencia após o Consello da Xunta, Alfonso Rueda informou onte de que na xuntanza analizárase un estudo encargado pola Xunta de delimitación competencial entre a Administración local e galega. O presidente informou deste estudo apenas dez días despois de que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dese a coñecer as conclusións dun informe que apuntaba que os Concellos asumen anualmente un déficit de 624 millóns de euros pola prestación de servizos que corresponden a Xunta e non a eles. Rueda, onte, dixo que o estudo encargado pola Xunta atribúe ás entidades locais as competencias sobre prestacións sociais básicas, como o Servizo de Axuda non Fogar (SAF) e as escolas infantís de cero a tres anos que sexan de titularidade municipal. Tamén é competencia das entidades locais, dixo, a conservación, o mantemento e a vixilancia dos centros educativos onde se imparten en exclusiva Educación Infantil, Primaria e Especial. En cambio, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional corresponden á Xunta.

OPE sanitaria

O Consello da Xunta deu onte o visto e prece a unha Oferta Pública de Emprego (OPE) ordinaria para estabilizar case 1.300 prazas no Servizo galego de Saúde (Sergas). Unha convocatoria que Alfonso Rueda sumou á extraordinaria convocada en marzo pasado e a outros procesos para indicar que en total neste ano se procede a estabilizar máis de 5.000 prazas, das cales 2.015 son de persoal de enfermaría e 1.015 de persoal médico.

Sen autocrítica pola campaña do 25-N

Pasou o 25-N mais non a polémica pola campaña da Xunta para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista. A Xunta, malia as críticas de colectivos feministas, sociais, sindicatos ou forzas da oposición parlamentaria, non se desculpou  pola campaña. Onte, preguntado pola prensa sobre as declaracións da ministra de Igualdade, Irene Montero, que enmarcaba esa campaña na 'cultura da violación', Rueda acusouna de facer esas declaracións "para non falar do goteo de rebaixas de penas e excarceracións" de agresores sexuais provocadas pola coñecida como lei do 'só si é si'.

Tamén a preguntas da prensa, o presidente manifestou que non ve no Goberno español "intencións" de chegar nesta lexislatura a un acordo sobre financiamento. "Hai un ano mandaron un documento e nada máis, non houbo continuidade".

Comentarios