Rueda contradí Comesaña e asegura que a Xunta non recuperará as máscaras en interiores

O conselleiro de Sanidade apelou esta cuarta feira á "precaución" tras o aumento de pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza.
Alfonso Rueda e Julio García Comesaña. (Foto: David Freire Domínguez)
photo_camera Alfonso Rueda e Julio García Comesaña. (Foto: David Freire Domínguez)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou esta quinta feira que o Executivo galego non ten previsto recuperar as máscaras en interiores, despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, abrise esta posibilidade ante o aumento de contaxios de coronavirus nas últimas semanas.

Para Rueda, a situación "non é tan preocupante" como noutros momentos da pandemia, polo que desbota recuperar medidas de restrición como a obrigatoriedade da máscara ou as restricións de aforo.

Neste sentido, o presidente popular apostou pola "receita do sentidiño" porque "funciona ben", e sinalou que a situación actual "non demanda esa obriga de modo xeral".

Pese a isto, Rueda matizou que a Consellaría de Sanidade analiza os datos da pandemia a diario para estudar a evolución sanitaria e "adoptar medidas se fose necesario".

Declaracións de Comesaña

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu apelar esta cuarta feira á "precaución" tras o aumento de pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza, que xa superan os 850 —200 máis que hai unha semana— e avanzou que non se descarta recuperar o uso obrigatorio da máscara en interiores en función do aumento da presión asistencial.

"Nós estamos preocupados e expectantes con este incremento de casos", manifestou o conselleiro a preguntas dos medios. Segundo sinalou, "mantense a tendencia destes días, de casos rexistrados por probas feitas en ámbito hospitalario, Atención Primaria e en domicilio, con 2.400 positivos diarios", matizou, "entendendo que hai número importante de positivos que non declaran". "A cifra é preocupante estes días", afirmou.

Comesaña apuntou á "repercusión hospitalaria desta variante BA.5", que supón a maioría de casos detectados na actualidade e que ten, asegurou, "menor repercusión a respecto da gravidade da enfermidade". "Mais con estes números o incremento hospitalario é importante, 800 casos de pacientes hospitalizados cando nos moviamos na contorna dos 600 nestas últimas semanas, constante desde xaneiro, e en UCI rozando os 30. Son datos preocupantes que obrigan a estar máis pendentes", asegurou.

Preguntado sobre o perfil do paciente Covid, o conselleiro de Sanidade explicou que "se mantén o mesmo en toda a hospitalización" con "40% dos pacientes que ingresan por Covid e 60% con Covid agora mesmo". Con todo, afirmou que os que se atopan en UCI "están por Covid, con pneumonías", polo que esa diferenciación representa "un parámetro importante".

Comentarios