Rueda chama publicamente a Calvo e Conde á Xunta mais non a Candia

O candidato popular non cita a lucense para o Goberno.
De esquerda a dereita, Francisco Conde, Alfonso Rueda, Diego Calvo e Elena Candia. (Fotos: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Francisco Conde, Alfonso Rueda, Diego Calvo e Elena Candia. (Fotos: Europa Press)

Alfonso Rueda abriu publicamente as portas do novo Goberno galego ao presidente do PP coruñés, Diego Calvo, e ao conselleiro de Economía en funcións, Francisco Conde, en senllos actos na Coruña e Lugo.

Mais non citou Elena Candia, presidenta provincial do PP lucense malia estar presente no acto que decorreu na cidade da Muralla e onde si convidou explicitamente a Conde a facer parte do Executivo.

"Se ti queres, estarás no meu Goberno", afirmou Alfonso Rueda esta segunda feira nun acto dos populares na Coruña, referíndose a Diego Calvo. Este, pola súa parte,  afirmou nesta terza estar "contento" polo ofrecemento mais admitiu que aínda teñen pendente "falar" para "concretar detalles".

Poucos días antes, o aínda vicepresidente primeiro tendera a man a Francisco Conde, conselleiro de Economía e vicepresidente segundo; para continuar no Executivo galego.

"Se Paco quere, seguirei contando con el no novo Goberno, como non podía ser menos". Un convite que fixo en Lugo, na xunta directiva do PP nesa provincia e ante a presenza da deputada e  líder provincial Elena Candia, á que, porén, non mencionou publicamente para o novo Executivo.

Con independencia de que poida ou non haber compromisos ou ofertas realizadas en privado á presidenta do PP de Lugo, en certos sectores chocou que o futuro presidente do PP da Galiza e da Xunta non tivese un 'xesto'  para Candia.

Desde o anuncio da marcha de Alberto Núñez Feixoo as cábalas para o novo Goberno galego situaban nel a Candia, e mesmo apuntando un cargo, conselleira de Medio Rural. Unha carteira que actualmente ocupa en funcións José González, persoa próxima a Feixoo e patrocinada no seu momento por Rueda.

Comentarios