Alfonso Rueda: "É unha boa noticia que se baixen impostos, a contraria é subilos"

O presidente da Xunta anuncia novas baixadas de impostos en 2023 "sen desatender os servizos públicos básicos".
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, á súa chegada á sesión plenaria no Parlamento da pasada semana. (Foto: David Cabezón / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, á súa chegada á sesión plenaria no Parlamento da pasada semana. (Foto: David Cabezón / Xunta)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, vén de ratificar que a Galiza priorizará nos orzamentos de 2023 unha redución de impostos ás rendas "máis baixas", ao mesmo tempo que lembrou que o país ten a súa propia "senda" na carga impositiva.

Precisamente, Rueda comparecerá a próxima semana no Parlamento galego para dar a coñecer as liñas estratéxicas dos orzamentos de 2023, antes de que cheguen á Cámara no mes de outubro e, nesa intervención, avanzará medidas impositivas das contas galegas para o próximo ano.

"Está no ADN dos gobernos do PP", sinalou esta terza feira, ao ser preguntado polos medios polo anuncio do presidente andaluz, Juanma Moreno, de suprimir o Imposto sobre o Patrimonio.

Así, enmarcou "nesa liña" de reducir carga impositiva a medida da Xunta de Andalucía, algo que a Galiza "leva facendo desde hai moito tempo". En concreto, desde 2009, dixo.

"É unha boa noticia que se baixen impostos, a contraria é subilos", apreciou o máximo mandatario galego, que tamén fixo unha "boa valoración" deses anuncios, se ben precisou que a Galiza "ten a súa propia senda do Imposto sobre Patrimonio [bonificación de 25%] e así vai seguir".

Rueda lembrou que xa se eliminou o Imposto de Sucesións e que a intención é "seguir baixando". Con todo, indicou que agora a Xunta "está centrada en tentar baixar ás rendas máis baixas, que son as que máis o necesitan".

"O que fagamos na Galiza ímolo facer con independencia do que fagan noutro sitio, sexan do signo que sexan, en calquera medida orzamentaria", precisou, preguntado sobre a eventual supresión do Imposto de Patrimonio.

Aliás, garantiu que a baixada de impostos farase "sen desatender os servizos públicos básicos". Preguntado pola reacción do ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, partidario de centralizar impostos, Rueda encadrou as súas declaracións en que ao Goberno de Pedro Sánchez "non lle gusta que se baixen".

Comentarios