Alfonso Rueda avisa: "non hai catro" PPdeG

O sucesor de Feixoo realizou este sábado o primeiro acto de campaña para liderar o PPdeG. No acto asegurou que tratará de deseñar o "mellor" Goberno galego sen atarse a cotas territoriais.

Francisco Conde e Alfonso Rueda no acto de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Francisco Conde e Alfonso Rueda no acto de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O candidato para liderar o PPdeG, Alfonso Rueda, quen tamén sucederá a Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta nuns 15 días, decidiuse por Lugo para iniciar a súa campaña interna para liderar o PPdeG no seu 18º Congreso que se terá lugar os días 21 e 22 de maio en Pontevedra.

No acto, realizado este sábado, reivindicou reivindicou o traballo do vicepresidente segundo e responsábel de Economía en funcións, Francisco Conde, de quen asegurou que, se o desexa, seguirá con el no novo Executivo galego. O propio Conde acompañoulle no acto, no que interveu tamén a líder provincial, Elena Candia.

Previamente, fixo un chamamento á "unidade" para conseguir a "estabilidade" que, ao seu modo de ver, garante os bos resultados electorais e podería sentar as bases non só para contribuír a unha vitoria de Feixoo, agora líder do PP, no Estado español; senón tamén para o seu reto último: unha quinta maioría absoluta consecutiva na Galiza en 2024.

Tamén chamou aos seus a evitar discusións que lles tratan, dixo, de "meter" os seus rivais políticos coa intención de debilitarlles. Proclamou con contundencia que "non hai catro" PPdeG e para "non fallar a Feixoo" pediu "o apoio de todo o mundo".

"Continuidade" si, "continuísmo" non

Durante o acto, Rueda insistiu nunha idea que lanzou xa en días pasados: rexeita o "continuísmo" mais si buscará a "continuidade" das "cousas boas" que herda do seu antecesor, co fin de facelas "aínda mellores" e tentando, ao mesmo tempo, "innovar".

Esta mesma xornada, nun acto en Compostela como vicepresidente primeiro en funcións, Rueda foi preguntado acerca de se conservaría a todo o equipo do seu antecesor e se mantería a 'tradición' de Feixoo de non responder a cotas territoriais na conformación dos seus sucesivos executivos.

Rueda, que deixou a porta aberta a introducir cambios -"en dúas semanas verémolo", dixo-, asegurou que el é partidario de contar coas e cos "mellores", con independencia da súa procedencia. E subliñou que, en base a este criterio e alleo a cotas territoriais, tratará de deseñar "o mellor Goberno posíbel".

Poucas horas despois, en Lugo, xa desvelou a intención de, como mínimo, contar co que até o de agora foi vicepresidente segundo de Feixoo, Francisco Conde.

Comentarios