Rueda anunciará na Xunta Directiva do PP de Pontevedra a súa candidatura a dirixir o PP galego

Rueda salientou que os seus compañeiros do PP de Pontevedra acompañárono e axudárono "en todo momento" nos últimos anos.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto con empresarios de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto con empresarios de Vigo. (Foto: Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, non anunciará até a tarde desta sexta feira a súa candidatura a presidir o PP galego, durante a reunión da Xunta Directiva do Partido Popular (PP) de Pontevedra, por "respecto" aos seus compañeiros.

O previsíbel sucesor de Alberto Núñez Feixoo, tanto no PP como na Xunta, puxo en valor a "unidade" e a "xenerosidade" demostrada, segundo el, polos membros do PP galego no proceso de substitución do aínda presidente do Goberno galego, a pesar de que nun primeiro momento o propio Feixoo pretendía elixir o seu sucesor nunha Xunta Directiva. A presión dos baróns provinciais, coa consecuente cota de reclamación de poder, levou o actual presidente do Goberno galego a rectificar e a optar por un pacto cos baróns para resolver o nomeamento de Rueda.

En resposta ás preguntas dos medios de comunicación antes de participar nun acto con empresarios en Vigo. Rueda insistiu en que hai un congreso extraordinario convocado para a elección do novo líder dos populares galegos, polo que deben actuar "conforme á planificación e con respecto, empezando polos compañeiros".

Nese sentido, o vicepresidente primeiro do Executivo autonómico sinalou que, coa convocatoria do conclave, ábrense unha serie de trámites, que comezaran coa publicación da súa decisión, "nunca explicitada" de concorrer como candidato ao congreso dos vindeiros 21 e 22 de maio.

Compañeiros do PP de Pontevedra

Rueda salientou que os seus compañeiros do PP de Pontevedra acompañárono " e axudárono "en todo momento" nos últimos anos. "E espero que o sigan facendo", enfatizou, antes de engadir que "logo haberá tempo para seguir falando co resto de compañeiros".

Preguntado polo apoio unánime dos baróns do PP galego, (Diego Calvo, Elena Candia e José Manuel Baltar) e polo ánimo expresado por moitos militantes e cargos do PP galego, repetiu que se sente "moi honrado e cunha enorme responsabilidade".

Neste sentido, asegurou que calquera proceso de transición ou substitución "non é sinxelo". Porén, segundo Rueda, no PP da Galiza "fíxose da mellor maneira posíbel, demostrando unidade e moita xenerosidade por parte de moita xente". Un proceso que culminará "co que todos desexaban", un congreso extraordinario cunha "candidatura de unidade".

Porén, o aínda presidente do PP de Pontevedra matizou que, unha vez convocado o congreso, "todos os militantes poden presentarse" e "todo o mundo poderá manifestar a súa opinión", o que "dá lexitimidade importante" á transición. "Eu agradezo que sexa así", concluíu.

Comentarios