Rueda abre a porta a facer coincidir as eleccións galegas coas europeas

O titular do Executivo galego si que descartou que os comicios galegos vaian adiantarse a este outono, para coincidir coas eleccións estatais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecendo ante os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecendo ante os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou esta quinta feira que “non dedicou tempo” a pensar se as eleccións galegas poderían convocarse coincidindo coas próximas europeas, fixadas para o 9 de xuño de 2024.

Con todo, si descartou que os comicios galegos vaian adiantarse a este outono, para coincidir coas eleccións estatais.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, durante un acto un Ferrol, onde manifestou: "Nin o pensei, aínda que esperaba a pregunta desde que se anunciou a data concreta das eleccións europeas".

Rueda sinalou que a data dos comicios europeos acaba de coñecerse, e que non dedicou "un momento" para pesar "se van coincidir ou non van coincidir".

"Non o sei, non estou con iso neste momento, pero coas estatais non van coincidir", matizou.

"Non vai haber esa coincidencia, queda moita lexislatura por diante, e quero aproveitala, entre outras cousas, para tentar botar unha man nunha cousa tan importante como isto", aseverou, en relación á súa visita a Ferrol.

Eleccións vascas

Ademais, segundo puido saber Nós Diario, o lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, baralla convocar as eleccións vascas (que tradicionalmente coinciden coas galegas) tamén coas eleccións ao Parlamento europeo.

Comentarios