Compostela tería cabeza de lista do BNG "antes de que remate o mes"

Rubén Cela anuncia que non será candidato en 2019

Secretario de Relacións Internacionais na Península da Executiva Nacional do BNG e candidato por esta formación nas locais de 2011 e 2015, Cela non optará á alcaldía de Compostela en 2019. Deixa o Pazo de Raxoi por razóns "exclusivamente persoais" e que non teñen nada a ver coa política.

Ruben Cela
photo_camera Ruben Cela

Rubén Cela (Lugo, 1979) anunciou esta terza feira, en conferencia de imprensa, que non será o cartaz do BNG en 2019.

"Esta foi unha das decisións máis complicadas da miña vida", dixo Cela visibelmente emocionado. "A máis pensada e repensada. E responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar que non vén a conto explicitar, pero que non ten nada que ver nen coa vida municipal nen coa política en xeral", esclareceu.

"Son dos que penso, e os 7 anos que levo no concello así mo reafirman, que ser o portavoz dun grupo político na capital da Galiza exíxeche dun traballo, dunha disponibilidade e dun esforzo que eu non vou poder afrontar no futuro. E o que me parece o máis coherente, o máis honesto e o máis sensato -e mellor para o BNG e tamén para esta corporación- é dar paso a outras persoas", acrecentou. 

Este é un bon momento para anunciar a súa decisión, asegurou Cela, porque "o BNG en Santiago está nunha boa posición. Conseguimos nos últimos tempos reactivar tanto a nosa base militante como simpatizante, vólvese achegar xente ao Bloque -hai novas altas, hai persoas que voltan a ollar para nós- e temos un clima interno moi bon e con grande cohesión, o que nos vai permitir afrontar todo o proceso [de confección da candidatura para 2019] en pouco tempo e dun xeito moi positivo".

Cela mostrou a súa convicción de que o BNG vai dar artellado "en moi pouquiño tempo" unha candidatura moi "potente" para 2019. Potente "tanto nos nomes das persoas que van ter que encarnar o proxecto do Bloque para os próximos anos como a nível de proxectos, propostas e ideas para facer de Santiago un concello mellor para vivir, para traballar e para desfrutar".

"Voume deixar a pel nos 12 meses que faltan para continuar a manter unha boa oposición -fiscalizadora e crítica coas cousas que poda facer mal Compostela Aberta-", avanzou. Unha oposición que, aliás, continuará a ser "propositiva", con independencia de que se vaian achegando as eleccións de 2019. "Mantemos a man tendida para chegar a acordos e botar unha man naqueles asuntos que sexan bos para as veciñas e veciños de Santiago", enfatizou.

Na quenda de perguntas, os meios interesáronse polos prazos que manexa o BNG para a elección dunha nova candidatura. O proceso será rápido e a previsión é que se poda ter elixido a persoa que encabece a lista "antes de que remate o mes", dixo Cela.

Goretti Sanmartín [número 2 en 2015, actual vicepresidenta da Deputación da Coruña] a candidata mellor colocada'", inquiriu unha xornalista. "Sobre iso vou ser moi respeitoso. Teño a miña opinión clarísima ao respeito -así lla trasladei aos meus compañeiros e compañeiras-, mais imos iniciar un proceso de elección tasado e aquí vai haber un calendario e calquera persoa do BNG que queira se pode apresentar a encabezar a candidatura". "No BNG hai felizmente bastantes persoas con todos os atributos para ser candidata ou candidato. Eu, pola posición que teño neste momento, vou ser moi respeitoso co proceso e voume reservar a miña opinión persoal ao respeito", concluíu.

Comentarios