Rubalcaba evita pedir eleccións anticipadas ante os adversos prognósticos das enquisas

Bárcenas e a crise combínanse para o PP ter unha perspectiva demoscópica desastrosa. Mais o PSOE non está mellor. O bipartidismo atravesa unha crise sen precedentes na historia do réxime político xurdido coa Constitución de 1978. Rubalcaba non pide eleccións antecipadas porque aínda que o PP podería chegar a perder até 50 escanos, o PSOE até obtería menos.
Rubalcaba
photo_camera Rubalcaba

As enquisas certifican que o réxime político español atravesa unha crise gravísima, talvez irreversíbel. Segundo o inquérito de Metroscopia para El País, o PP sería a forza máis votada, mas cun ridículo 23,9 por cento, apenas 4 décimas máis do que o PSOE. O bipartidismo reuniría tan só o 47,4 por cento dos sufraxios, 27 pontos menos que nas últimas eleccións xerais, realizadas en Novembro de 2011.

As noticias para PP e PSOE non son mellores no inquérito que publicaba tamén onte El Periódico de Catalunya. O partido conservador perdería nada menos que 50 escanos, até ficar nun abano entre 133 e 135. Mesmo así sería a forza máis votada, pois o PSOE tería como teito 123 escanos (e como solo, 120).

Fontes próximas ao PSOE non desbotan que Rubalcaba manexe a hipótese dun goberno de coalición co PP, daí que descarte a moción de censura

Así as cousas, o aparato de Ferraz, controlado aínda por Rubalcaba, non pon sobre a mesa a demanda do antecipo eleitoral. Optou por un pinchacarneiro politicamente pouco comprensíbel: a petición de demisión de Rajoy e a súa substitución por outro dirixente do partido conservador. A pergunta que cumpriría facerse é por cal, dada que a práctica totalidade da cúpula dereitista está envolvida no escándalo dos pagamentos en negro. Porén, si hai nomes que até o de agora non se viron atinxidos polas lapas do lume que consome Génova: a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría e o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón.

Mas Rubalcaba non só se abstivo de pedir eleccións antecipadas, tamén desbota apresentar unha moción de censura. Por que? De acordo con fontes próximas ao PSOE, hai dúas razóns básicas. A primeira é que o secretario xeral do PSOE ten neste momento unha valoración nas enquisas tan baixa como a de Rajoy. A segunda é que Rubalcaba e o núcleo dirixente do partido non descartan que o desfecho da crise política máis grave vivida no Estado desde a morte do ditador sexa a conformación dun goberno de coalición coa dereita (e, claro, esa perspectiva ficaría fanada de formular previamente unha censura ao líder conservador).

Comentarios