Xabier Pérez Igrexas, candidato á Alcaldía de Vigo polo BNG

"Persoas que nunca nos deron o voto dinnos que o BNG ten que volver estar no Concello de Vigo"

Xabier P. Igrexas (Vigo, 1984) participou activamente do movemento veciñal da cidade desde moi novo e durante case 15 anos, tanto na Asociación Veciñal Val do Fragoso como tamén na Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC), da que foi secretario. Fixo parte activa do movemento estudantil e chegou a ser secretario xeral a nivel galego dos Comités Abertos de Estudantes. Preséntase á Alcaldía de Vigo polo BNG. Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

Xabier P. Igrexas
photo_camera Xabier P. Igrexas

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Estes anos foron en grande medida tempo perdido. Non se impulsou ningún proxecto de fondo. Hai unha xestión instalada na improvisación, con accións de moito impacto propagandístico pero que apenas inciden na mellora da calidade de vida. Se non for pola inercia que ten unha estrutura municipal tan grande a situación inda sería peor. E a un goberno incapaz de atender os problemas e necesidades da cidade engádese unha oposición que o único que ofreceu durante estes anos foi un permanente e estéril pim-pam-pum. Os plenos reducíronse a unha lea permanente, onde do único do que non se fala é das cousas que verdadeiramente lle preocupan ás viguesas e vigueses.

Ese Vigo ‘top’ do que fala o candidato do PSOE en realidade non existe

Ese Vigo ‘top’ do que fala o candidato do PSOE en realidade non existe. E as viguesas e os vigueses sábeno. Cando van coller un autobús e este pasa cada hora ou non pasa en fin de semana. Cando as súas crianzas quedan sen escola infantil porque nos últimos catro anos non se creou nin unha soa nova praza. Cando ven como as rúas do seu barrio están abandonadas, mentres se concentra o investimento no centro do casco urbano. Cando ao solicitar unha axuda social quedan sen ela ou tardan sete meses en tramitarlle unha RISGA, cuns servizos sociais colapsados e incapaces de atender a situación de emerxencial social con 61 mil persoas en risco de exclusión e pobreza. Cando ven reducida a política cultural a concertos de Chenoa, dinoseto e luces. Cando ven como cada semana algún veciño ou veciña perde a casa nun desafiuzamento sen que haxa vivendas sociais, na mesma cidade na que hai 18.500 vivendas baleiras. Cando nesta cidade que se di que está humanizada non hai noite na que non te cruces cunha persoa durmindo nun caixeiro, nun parque ou en plena rúa.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

É claro que a maioría absoluta do PSOE tornouse nunha maioría absolutamente inútil que lle sentou faltal á cidade. Temos un goberno de 17 concelleiros  e concelleiras reducidos a un único concelleiro plenipotenciario [Abel Caballero]. Vigo non pode gobernarse dándo titulares e fotos. Así o demostra que 4 de cada 10 euros de investimento orzados non fosen executados. Foron tamén anos de desmantelamento e nisto Caballero si que se colocou como alcalde top. Ningún goberno antes fora incapaz de como mínimo manter en marcha os programas que xa funcionaban. Vémolo claramente na desaparición de máis dunha ducia de programas culturais, na situación lamentábel da rede museística, no feche sen motivo nin alternativa do Súbete ó Castro, do Punto Xove ou da Casa da Xuventude. Na falla de política deportiva, no colapso dos servizos sociais municipais ou no devalar nun ámbito no que o Concello de Vigo chegou a ser referente, como son as políticas feministas. E no total abandono dos barrios e das parroquias.

E o traballo realizado polo seu partido?

Malia non ter presenza no Pleno, creo que o BNG demostramos durante estes catro anos que temos un proxecto de cidade. Mentres os partidos con representación no pleno se entretiñan nese pim-pam-pum permanente do que falaba antes, o Bloque fixo un intenso traballo por abaixo. A pé de rúa. En contacto directo cos movementos sociais. Pateando os barrios e parroquias da cidade. E modestamente creo que fomos os únicos que nos esforzamos en poñer acima da mesa propostas en positivo e alternativas concretas sobre os temas que realmente preocupan ás viguesas e aos vigueses.

Nos últimos meses a onda de simpatía que viñamos recollendo intensificouse

Hoxe o BNG ademais está nun momento completamente diferente ao de hai catro anos. Temos un Bloque, máis Bloque. Un BNG unido, unificado e cohesionado, cunha militancia ilusionada con empurrar o proxecto de transformación que queremos impulsar para Vigo. Fixemos unha renovación moi importante, de persoas e tamén de actualización do discurso. E iso comeza a notarse. Nos últimos meses a onda de simpatía que viñamos recollendo intensificouse. Desde que son candidato percibo de maneira clara que estamos de remontada en Vigo e que hai moitas persoas que agora ollan, ou volven ollar para o BNG, como unha opción de futuro para a cidade. Persoas que nos votaron nalgún momento pero que optaron hai catro anos por outras opcións, persoas que nunca nos deron o seu voto ou que van votar por primeira vez, o que nos transmiten é que o BNG ten que volver estar no Concello de Vigo. Porque a nosa ausencia notouse, e moito. Alédame inmenso especialmente o feito de que nese crecente apoio social haxa moita mocidade e, sobre todo, moitas mulleres. Con esa enerxía imos ser imparábeis.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Pois algo tan simple como fundamental: que haxa política municipal. Ter un goberno que goberne, de verdade, que xestione mellor e que poña en marcha proxectos de futuro para facer avanzar a cidade. O que se necesita é que o Concello de Vigo coloque todas as súas enormes capacidades, con 258 millóns de euros de orzamento, con todo o seu persoal directo e indirecto, ao servizo de resolver as necesidades reais das viguesas e dos vigueses. O que precisa Vigo é un novo impulso que revolucione a cidade para mellor, como sempre logramos facer cando o BNG tivemos un peso decisivo e determinante, tanto no goberno como na oposición.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará na nova lexislatura se está no goberno?

Hai tanto por facer despois destes anos perdidos que é ben difícil precisar unha única medida. Mais, se teño que escoller unha decisión sería a de impulsar un novo Regulamento de Participación Cidadá. Hai que acabar coa xordeira e cos tics autoritarios. Temos que asegurar o dereito das viguesas e os vigueses, e das asociacións e colectivos nos que se organizan, a seren escoitados, si ou si. Non pode depender da vontade dun ou doutro goberno. Hai que blindar a participación e facela efectiva, por exemplo poñendo en marcha os Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia ou reformulando os consellos sectoriais. Non como espazos ornamentais e protocolarios, senón como verdadeiros espazos de codecisión, de construción de poder popular. E impulsando os orzamentos participativos.

Queremos sumar en positivo e poñer en valor a pluralidade desta cidade felizmente diversa. Contando con todos e con todas. Porque Vigo é tarefa de todos e todas

Hai unha vella máxima do movemento zapatista que urxe asumir: mandar obedecendo. Gobernar obedecendo o pobo. Gobernar co pobo, non de costas a el ou contra del. As mudanzas que historicamente transformaron e fixeron avanzar Vigo teñen un denominador común: a forza da xente. Os cambios reais constrúense, sempre, desde abaixo. E o novo impulso que lle queremos dar a Vigo non pode darllo só o BNG, necesitamos a forza, a enerxía e a afouteza das viguesas e dos vigueses. Sumando en positivo e poñendo en valor a pluralidade desta cidade felizmente diversa. Contando con todos e con todas. Porque Vigo é tarefa de todos e todas.

Comentarios