Rosana Pérez insta o PP a non vetar a investigación do sinistro de Angrois para a Galiza non ter ''outro Prestige''

O BNG pediu en reiteradas ocasións no Congreso español unha comisión que se ocupe de deitar "transparencia" sobre as responsabilidades políticas no accidente do Alvia en que morreron 79 persoas. Porén, o PP impuxo a súa censura.

rosana
photo_camera Rosana Pérez [SG]


De "máis necesaria que nunca" cualificou o BNG a comisión de investigación a respeito do sinistro de Angrois que a formación frontista reclamou por activa e por pasiva tanto no Parlamento galego como no Congreso español. Na Galiza o PP votou en contra e o PSdG-PSOE abstívose; en Madrid, o PP impuxo a súa censura xa na xunta de portavoces, impedindo o seu debate no pleno. 

En conversa con Sermos Galiza, a deputada nacionalista no Congreso Rosana Pérez puxo o acento na necesidade de deitar "transparencia" ao redor das circunstancias que o 24 de xullo deste mesmo ano motivaron o descarrilamento dun comboio Alvia, deixando 72 mort@s. A comisión, dixo, cómpre para evitar que a Galiza "teña outro Prestige". 

Pérez fixo esta valoración após a decisión da Audiencia provincial da Coruña de retirar as imputacións que pesaban sobre o persoal técnico en seguranza de Adif primeiro e sobre os tres presidentes e o conxunto do Consello de administración desta mesma empresa despois. 

A decisión do tribunal galego "decepciona", dixo Rosana Pérez, enfatizando que as informacións que transcenderon a respeito do sinistro "si que fan pensar en que houbo algunha actuación da cal poderían derivar responsabilidades". Porén, destacou tamén que "é unha decisión xurídica" e que o BNG "a ese respeito non ten nada que dicir". 

Reminiscencias do Prestige

Arestora a responsabilidade deste accidente ferroviario, o máis grave acontecido no Estado español, fica unicamente sobre os ombreiros de Francisco José Garzón, o maquinista do Alvia sinistrado. Unha situación que lembra o acontecido co afundimento do petroleiro Prestige fronte á costa galega,. "Neste caso tomáronse moitas decisións políticas que foron erradas e que quedaron sen un responsábel", recalcou a deputada do Bloque no Congreso. A responsabilidade recaeu sobre o capitán, Apostolous Mangouras.

"Non se pode cargar a seguridade do sistema ferroviario a unha soa persoa", dixo, lembrando que decisións adoptadas após o sinistro, como a colocación de nova sinalización no lugar en que descarrilou o comboio ou o incremento na partida orzamentaria destinada en 2014 á seguranza ferroviaria "evidencian que o accidente non se produciu só por causas humanas".

Neste sentido, o secretario de Estado de infraestruturas, Rafael Catalá, debullou os orzamentos no Congreso e sinalou que serán 160 millóns os que se destinen a seguranza ferroviaria. Aliás, malia insistir en que o sistema de freada instalado na curva da Grandeira, o ASFA, "é seguro", anunciou a implementación do ERTMS en todo o Eixo Atlántico. 

Comentarios