Rojo sobre o recorte de escanos: "O único que pode pasar é que cada deputado teña que traballar máis"

A presidenta da Cámara amosou o seu apoio á proposta do Partido Popular porque, dixo, "é un compromiso electoral". Rojo asegura que o recorte "si se fará" e que "o único que pode pasar" é que "cada deputado teña que traballar máis". A oposición ve na medida unha "trampa" electoral. O PSdeG-PSOE prepara unha proposta alternativa que, di, dialogará coas demais forzas da oposición. 

Pilar Rojo en Forum Europa [Imaxe: Parlamento de Galiza]
photo_camera Pilar Rojo en Forum Europa [Imaxe: Parlamento de Galiza]

Continúan a sumarse voces á iniciativa do Partido Popular que prevé reducir o número de parlamentares no Pazo do Hórreo até 61. A última foi a presidenta do propio Parlamento, Pilar Rojo, que asegurou nun foro de debate sobre economía que "si se fará". 

Malia as críticas dos grupos da oposición e as denuncias que alertan dun "pucheirazo electoral" do PP para "blindar a súa maioría absoluta" en horas baixas, @s populares teiman en dicer que a proposta non suporá unha merma da representatividade popular e que "o único que pode pasar", sinalou Pilar Rojo, "é que cada deputado teña que traballar máis". 

Un "atentado á soberanía popular"
O proxecto de reforma electoral, que o PP anunciou para estas últimas semanas de 2013, aplicaríase nos vindeiros comicios ao Parlamento e suporía a desaparición de 14 cadeiras no hemiciclo. Neste senso, nunha reportaxe publicada por Sermos Galiza no número 75 do seu semanario, o profesor de Ciencia Política da Universidade de Vigo, Álvaro López Mira, advertía dos riscos intrínsecos ao discurso que defende a dereita a respeito da redución no número de parlamentares. 

López Mira, profesor de Ciencia Política (UVigo): "Nun Parlamento con 61 escanos aínda se agrava máis a desproporcionalidade representativa" 

"Con estas afirmacións insinúase que a democracia é cara", subliñou López Mira, quen se amosou certo de que a reforma constitúe "un atentado á soberanía popular" pois fará aínda máis desproporcional --se cabe-- o reparto de escanos. "Nun Parlamento con 61 escanos aínda se agrava máis a desproporcionalidade representativa" pois, "de se manter o número de parlamentares por criterio territorial" --10 por circunscrición-- suporá "a perda de 5 deputad@s para as provincias do atlántico e 2 para Lugo e Ourense", explicou o profesor.  

A sobre-representación das circunscricións interiores será tal que un escano en Lugo representará a 27.350 habitantes" mentres que un da Coruña "a perto de 60.000". 

Para o profesor de Ciencia Política da UVigo fica claro que a proposta de reforma electoral, que o PP quer presentar como "técnica", non responde máis que a unha "intencionalidade política" perante a queda de apoios ao PP. 

O PSdeG promoverá a súa propia proposta

Segundo anunciou este sábado a secretaria de organización, Pilar Cancela, @s socialistas están a traballar nunha contra-proposta á do Partido Popular que abranguería, para alén da reforma electoral, mudanzas no propio Regulamento da Cámara. 

Neste senso, desde o PSdeG din que abrirán un diálogo coas demais forzas da oposición (BNG e AGE) para achegaren posicións. Embora non adiantaren o contido da súa iniciativa, Cancela asegurou que rexeitan de facto a redución do número de escanos mais que si valoran o aforro na institución para o que proporán a supresión de partidas superfluas como as destinadas ao mailing. 

Cumpre lembrar que na pasada lexislatura, cando o PP anunciou a súa intención de recortar o número de parlamentares no Pazo do Hórreo, o BNG presentara unha outra reforma electoral que fixaba a circunscrición única, a aplicación dun proceso proporcional na distribución dos votos en escanos ou a elaboración dunha Lei de consultas que obrigase ao poder político a consultar á cidadanía aquelas cuestións que lle atinxisen especialmente. 

Comentarios