A proposta de Rojo á oposición inclúe unha listaxe negra de persoas a vetar

A presidenta da Cámara elevará unha proposta formal á Mesa do Parlamento e á Xunta de portavoces esta terza feira. Pilar Rojo propón que se fixe, por escrito, a prohibición da entrada de persoas que foran expulsadas.
Rojo reunida cos grupos parlamentares
photo_camera Rojo reunida cos grupos parlamentares

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Rojo asegurou que a súa vontade é "chegar a un acordo" coa oposición "antes do vindeiro pleno" que se desenvolverá os vindeiros días 13 e 14 de febreiro. "Gustaríame que antes do próximo pleno poidamos ter claro todo o que nos une e unhas cuestións que entendamos sexan razoábeis para todos" aseverou a presidenta do Parlamento.

Neste senso, Rojo considera que entre esas cuestións debe estar a prohibición de entrada a aquelas persoas que foran expulsadas doutras sesións plenarias. No entanto, a presidenta da Cámara asegurou que "non se lle prohibiu a entrada a niguén", referíndose ao conflito xerado coa oposición o pasado día 29, cando deputad@s da oposición decidiron ausentarse en sinal de protesta pola orde emitida por Rojo en que se vetaban os convites dos grupos parlamentares como fórmula para que a cidadanía poida entrar no Parlamento, reservándose o dereito de adminisión en calidade de máxima autoridade parlamentar.

A presidenta quer que as persoas que foran expulsadas teñan a entrada prohibida

"Eu non son policía nin pretendo selo", aseveraba na entrevista Pilar Rojo. Porén, a presidenta matizaba "o único quero é garantir que na Cámara se traballa con normalidade". Así pois, Rojo procura que o acordo --que exixe sexa por escrito-- permita a creación dunha listaxe de persoas que non poderán participar das sesións logo de seren expulsadas dunha delas.

Os grupos da oposición xa aseguraron na primeira xuntanza desenvolvida a pasa sexta feira, que "non renuncian" ao dereito da cidadanía a tomar parte dos plenos polo que --a priori-- non aceptarían a proposta feita pola presidenta que implicaría o estabelecemento dun réxime de visitas na Cámara.

Sancións @s deputad@s que se ausentaron do pleno
Após a suspensión da sesión, a presidenta do Parlamento xa anunciaba que se tomarían "medidas" contra aquel@s representantes que, amais de térense ausentado do Pleno, permitiran a entrada de traballadores do naval á tribuna. Rojo, quen calificou os feitos como "un atentado contra unha alta institución", solicitou aos servizos xurídicos do Parlamento un informe en que apoiar a súa decisión. Porén, até o de agora descoñécese cal será a decisión final da presidenta. Neste senso o regulamento contempla a posibilidade de @s suspenderen durante dous meses do seu cargo de representantes.

Comentarios