Rodríguez Villarino, home de confianza de Caballero, novo líder dos socialistas ourensáns

Rafael Rodríguez Villarino gañou as eleccións cun 64% dos apoios (663) á parlamentaria Noela Blanco, que recibiu un 34% dos votos (352). Blanco lamentou que en Ourense "hai quen segue levando os fíos do que sucede no PSdeG", en referencia a Pachi Vázquez, ao que superara na primeira volta. "Ten que asumir a derrota", respondeu o novo secretario xeral.

Rodríguez Villarino na sede socialista en Ourense tras coñecer onte os resultados
photo_camera Rodríguez Villarino na sede socialista en Ourense tras coñecer onte os resultados. [Imaxe da TVG]

O alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, superou a Noela Blanco na segunda volta das votacións para a designación do novo secretario xeral dos socialistas en Ourense. Rodríguez Villarino, a quen se vincula a Gonzalo Caballero, o actual secretario xeral dos socialistas galegos, sumou un amplo apoio nas agrupacións de Ourense, O Carballiño, Xinzo e Verín entre os 1.029 militantes, dun censo de 1.539, que acudiron a votar.

Ourense era a última das provincias onde estaba pendente a renovación da dirección socialista, e será a única na que se impuxo unha candidatura próxima á actual dirección do PSdeG liderado por Gonzalo Caballero desde outubro pasado, despois de que na Coruña fora elixido secretario xeral Valentín González Formoso; en Lugo, Álvaro Santos; e David Regades en Pontevedra.