A deputada ourensá que votou non a Rajoy

Rocío de Frutos, convencida da vitoria de Sánchez, di que abandonará o PSOE se gaña Díaz

Aumenta a tensión no seo do PSOE conforme se achega a votación do 21M. Pedro Sánchez estará esta sexta feira en Vigo. A súa principal valedora na Galiza, Rocío de Frutos, afirmou esta cuarta feira que está convencida de que o ex secretario xeral gañará as primarias. En caso contrario -isto é, de se impoñer Susana Díaz- De Frutos abandonaría o partido.

Rocío de Frutos
photo_camera Rocío de Frutos

Cada día que pasa é máis evidente que estas non son unhas primarias máis dentro do Partido Socialista e que, gañar quen gañar, a formación socialdemócrata está abocada a sofrer un serio desgarro interno. O risco de esgazadura sobrevoa a organización. As pontes entre sanchistas e susanistas están absolutamente rotas. E no meio Patxi López advirte de que a tensión entre o sector de Díaz, atrincheirado no aparato, e o de Sánchez, en teoría con maior respaldo das bases do que a dirixente andaluza, conduce o partido ao "suicidio".

É neste contexto que un dos principais activos da candidatura de Sánchez na Galiza -a parlamentar no Congreso Rocío de Frutos- anunciou esta cuarta feira na Radio Galega que ela abandonaría a militancia do partido se Susana Díaz consegue a vitoria o 21M.

A parlamentar non quer que o PSOE se conforme con ser un "partido reformista", en alusión ao proxecto de Díaz, e pide que aposte en ser un partido "transformador", en alusión ás ideas de Sánchez.

Porén, De Frutos é optimista. Pensa que Sánchez se acabará impondo a Díaz porque ten o apoio da maioría da militancia da organización e está convencida de que o economista madrileño "representaría moi ben os valores da socialdemocracia" e que, con el de volta á ponte de mando en Ferraz, "estaríamos no bon camiño".

A deputada ourensá, unha das quince parlamentares que racharon a disciplina de voto do partido e votaron non a Rajoy no Congreso, fixo un novo chamamento a Patxi López a que se integre na candidatura de Sánchez. Non parece que iso vaia ocorrer, a teor das declaracións realizadas esta mesma cuarta feira polo ex lehendakari. López continúa co seu discurso de equidistancia entre "o esquerdismo impostado" de Sánchez e o "optimismo voluntarista" de Susana Díaz.

Comentarios