Riobóo defende as destitucións na dirección de Podemos como un proceso "natural"

O secretario xeral da formación na Galiza asegura que as persoas que integrarán agora as distintas responsabilidades contaron co apoio da "maioría absoluta" do Consello cidadán. 

Breogán Riobóo
photo_camera [Imaxe Breogán Riobóo / Facebook]

Breogán Riobóo, secretario xeral de Podemos na Galiza, compareceu esta quinta feira perante os medios de comunicación para explicar as mudanzas introducidas na Mesa Cidadá da formación após as destitucións dos últimos días. 

Asegurou que se trata dun proceso "natural", segundo as declaracións recollidas por Europa Press, e defendeu que as persoas que pasarán a integrar as novas responsabilidades contaron co apoio da "maioría absoluta" do Consello cidadán. No concreto 15 votos a favor, unha abstención e un en contra. Este órgao estaba composto inicialmente por 34 persoas das que fican 27. Porén, Riobóo asegurou que non teñen intención de renovalo ao ter sido elixido pola militancia para un período de "tres anos". Neste senso, acrecentou, continuarán "mentres que a xente queira que sigamos". 

Na Mesa cidadá están xunto a el Cristina Laya, como responsábel de organización e igualdade; Marta Díaz, á fronte da secretaría de relacións institucionais, e Eduardo Nieto, como responsábel de coordenación e programa. 

As mudanzas na Mesa cidadá foron ratificadas por 15 votos a favor de 34 integrantes iniciais que compuñan o órgao mais do que só fican 27

Desta maneira, o secretario xeral de Podemos, fecha a porta ás mudanzas que reclamaron as tres persoas militantes de Podemos que veñen de ser eleitas parlamentares nas eleccións xerais. Antón Gómez Reino, Ángela Rodríguez e José Manuel García Buitrón reclamaban unha re-estruturación da organización após as críticas lanzadas polo propio Breogán Riobóo ao fío dos comicios de decembro e da súa propia destitución da dirección co obxectivo, defendeu Riobóo, de rachar coa "acumulación de cargos". 

Fronte ás críticas o secretario xeral de Podemos-Galiza dixo aceptalas e recollelas. 

Breogán Riobóo tamén se pronunciou sobre as eleccións ao Parlamento galego, previstas para outono deste ano. Neste senso, recuncou en que a militancia terá que posicionarse sobre a fórmula de concorrencia e recuncou na posibilidade de que a formación lilá se presente en solitario ou nunha confluencia "ampla". Ora ben, asegurou, coida unha "irresponsabilidade" que sexa En Marea quen decida en solitario de que maneira acudir ás urnas. 

Comentarios