Riobóo afirma que Bescansa o respalda na defensa da autonomía de decisión de Podemos Galiza

Que é o que sostén a Breogán Riobóo ao fronte da secretaría xeral de Podemos Galiza após a disolución da súa dirección e do nomeamento dunha xestora, decisións decretadas desde Madrid? O secretario xeral, en declaracións a Europa Press, deixa entrever que conta cun apoio de peso: Carolina Bescansa.

Breogán Riobóo_Podemos Galiza
photo_camera Breogán Riobóo, nun acto de Podemos

“Non é unha cuestión de que non quera demitir, é que non debo. Primeiro porque os documentos que aprobamos 85.000 persoas en Vista Alegre [congreso do partido, reférese á consulta telemática posterior] din que non debo demitir; e segundo porque a política da chantaxe e da presión é algo do que Podemos ten que fuxir”, afirma o aínda secretario xeral da organización podemita galega.

Chantaxe e presión son termos duros e con eles reférese Breogán Riobóo a medidas adoptadas desde a cúpula estatal do seu partido para o forzar a deixar o cargo. El non o vai facer porque se sente lexitimado para continuar ao ter sido eleito en primarias.

Riobóo sempre pasou por ser un dirixente próximo a Carolina Bescansa, a compostelá que ocupa a secretaría de programas estatal e que cofundou a organización con Iglesias e Errejón

Riobóo sempre pasou por ser un dirixente próximo a Carolina Bescansa, a compostelá que ocupa a secretaría de programas estatal e que cofundou a organización con Iglesias e Errejón. El esfórzase agora por transmitir a idea de que mantén o seu apoio. E así, perguntado a respeito de se o respalda no confronto que dirime co líder do partido, o secretario xeral galego afirma que Bescansa “mostrou acordo no plantexamento de poder debater e poder decidir conxuntamente a rota de Podemos Galiza para as autonómicas”.

O conflito xurdiu ao non dar por suposto Riobóo a continuidade da fórmula de En Marea para as eleccións galegas e ao postular que debían ser as persoas inscritas en Podemos Galiza as que determinasen se a organización vai en coligazón a eses comicios ou os afronta coa súa propia marca.

Comentarios