Riobóo acode ao cumio territorial de Podemos convocado por Iglesias: “Sigo a ser secretario xeral. Ninguén me destituiu”

A dirección estatal convidou como “observadora” a xestora. Breogán Riobóo dase por convidado por ser unha xuntanza de secretarios xerais territoriais. Lembra que Carolina Bescansa recoñeceu que Madrid non pode destituír secretarios autonómicos.

Breogán Riobóo
photo_camera Breogán Riobóo

Breogán Riobóo acode á xuntanza terrotorial de Podemos convocada por Pablo Iglesias e faino en calidade de secretario xeral de Podemos-Galiza. Así o manifestou el propio nunha entrevista esta sexta feira no programa Galicia Por Diante, da Radio Galega. A dirección estatal de Podemos púxose en contacto coa xestora que pilota o proceso de renovación do partido en Galiza para convidala como “observadora” a este cumio territorial. Cómpre lembrar que os consellos cidadán e de garantías galegos están disoltos e hai primarias para elexir cargos, entre eles o de SX. O senador e presidente da xestora, García Buitrón, apontou a Europa Press que el propio sería previsibelmente quen fose a esa cita como representante galego.

"Un 'golpe de estado' de Madrid para colocar a [deputada] Angela [Rodríguez]?” Non sei se de Madrid ou xente de aquí do consello cidadán galego" 

Nesa entrevista no GxD, Riobóo respondeu á pregunta de se consideraba que había "un 'golpe de estado' de Madrid para colocar a [deputada] Angela [Rodríguez]?” cun “Non sei se de Madrid ou xente de aquí do consello cidadán galego". 

Porén, Riobóo tamén acode, pois se ben lle foron retiradas as competencias e capacidade de actuación, segue a ser formalmente secretario xeral de Podemos na Galiza.“"Carolina Bescansa dixo que non hai capacidade de cesar á secretaría autonómica, o que ratifica o que eu levo dicindo" a respeito de que el segue a ser secretario xeral, manifestou Breogán Riobóo, que se dá por convidado ao cumio. "Eu sigo sendo o secretario xeral de Podemos en Galiza. Ninguén me destituiu", engadiu.

Na entrevista en #Sermos187, Riobóo afirmou que este proceso para elexir a secretaría xeral de Podemos-Galiza supuña unha vulneración dos estatutos do partido, acrescentando que no seu día a Comisión de Garantías estabelecera que a disolución dos consellos cidadáns non implicaba a das secretarías xerais.

Comentarios