Pendente da Mesa

Rexistrado o Grupo Plural no Congreso

O Grupo Parlamentario Plural quedou esta sexta feira rexistrado no Congreso dos Deputados co Bloque Nacionalista Galego (BNG), Junts per Catalunya (JxCat), Más País-Equo, Coalición Canaria, Nueva Canarias, Compromís, Partido Regionalista de Cantabria (PRC) e Teruel Existe como integrantes.
O nacionalista Néstor Rego no Congreso dos Deputados.
photo_camera O nacionalista Néstor Rego no Congreso dos Deputados (Europa Press)

Agora tócalle á Mesa do Congreso decidir se acepta esta división do Grupo Mixto, no que permanecerían a CUP, Unión del Pueblo Navarro e Foro Asturias.

Ao peche desta edición, as formacións políticas implicadas neste Grupo Parlamentario Plural descoñecían a data na que se reunirá o órgano de Goberno da Mesa da Cámara Baixa para tratar este asunto. Porén, fontes próximas a estes partidos sinalaron a Nós Diario que a decisión "debería" ser comunicada ás partes antes de que se celebre unha primeira sesión de investidura.

Sobre este grupo unificado por criterios de "operabilidade", como indicou desde o primeiro momento o deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego, tamén se pronunciou a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, para salientar que o grupo "cumpre estritamente os requisitos" para recibir o visto bo da Mesa.

"Non hai lugar para que non o poidan aprobar", manifestou Pontón para destacar que a decisión de configurar un grupo "instrumental" xunto con outras formacións fora do Mixto só obecede á posibilidade de poder traballar cunha maior operatividade na súa acción parlamentaria e así "defender da mellor forma Galiza".

Ao cumprir co mínimo de 15 deputados e deputadas que estabelece o regulamento para a  formación dun grupo parlamentario, os asinantes agardan que a Mesa autorice a súa  constitución nunha reunión ao comezo da vindeira semana.

Comentarios