Eleccións 12-X

David Bruzos (Galicia en Común): "Revitalizar o rural non é sacar unha campaña cun lema, como fai Feixoo"

Entrevistamos David Bruzos Higuero, candidato número 1 de Galicia en Común por Ourense
A candidatura de Galicia en Común por Ourense encabézaa David Bruzos.
photo_camera A candidatura de Galicia en Común por Ourense encabézaa David Bruzos. (Foto: Nós Diario).

—As enquisas non son boas para Galicia en Común e o escano de Ourense non é seguro. Prexudica a ruptura do espazo En Marea a súa candidatura?

O que me preocupa é a maioría absoluta que dan as enquisas ao PP, mais os inquéritos que valen son os das urnas e temos que traballar para que o 12-X esteamos en condicións de formar un Goberno alternativo. 

Evidentemente cometéronse erros e houbo cousas mellorábeis. É lóxico que cando a cidadanía ve que existe algún tipo de problema nun espazo político xurda a sensación de que non se está a realizar o traballo correctamente, mais as miñas compañeiras e compañeiros do grupo parlamentario fixeron un traballo fantástico, a pesar das pequenas sombras que se sementaron a partir da ruptura de En Marea.

—Estamos no primeiro día de campaña. Cre que a participación de Unidas Podemos no Goberno español beneficiaraos?

No Goberno do Estado temos un modelo de xestión da crise totalmente distinto ao que se puxo en marcha coa crise de 2008. A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que ademais de ser galega está comprometida co país, sacou adiante medidas que beneficiaron traballadoras e autónomas antes e durante a pandemia. Os nosos compromisos son firmes e cumprímolos.

—Cales son os retos de Ourense na nova lexislatura?

O despoboamento do rural é unha lacra e non hai unha proposta concreta para solucionalo, senón que se precisa un abano de medidas. Para comezar, apostamos por un plan de emprego no rural, porque sen traballo non hai quen asente nesta zona. Tendo en conta o envellecemento e a dispersión poboacional de Ourense, apostamos polo desenvolvemento da economía dos coidados, para coidar das persoas e do medio. Mais non chega só con termos emprego, precisamos tamén servizos públicos no rural. Non pode ser que unha persoa para levar as crianzas a un centro educativo teña que desprazarse 30 quilómetros, ou que para ir ao centro de saúde percorra 50 quilómetros. Contarmos con infraestruturas é esencial para conectar todas as comarcas entre si e para termos oferta no eido deportivo e cultural. Revitalizar o rural non é sacar unha campaña cun lema, como fai Feixoo, significa traballo e investimento. 

—A pandemia foi dramática en residencias de maiores privadas de Celanova, Ourense... Que modelo residencial defende?

As residencias de maiores, ao igual que o resto de servizos, non poden ser un negocio e deben ser construídas e xestionadas de forma 100% pública, porque só así garantiremos que o servizo que se preste sexa de calidade.

Comentarios