A reunificación da dereita por tras a moción de censura en Tui

A remuda de goberno sería unha xogada táctica coas vistas postas en superar a fragmentación da dereita para o PP recuperar a alcaldía, e ter opcións de retornar ao goberno da Deputación de Pontevedra en 2019.

rueda
photo_camera Alfonso Rueda é o presidente provincial do PP Pontevedra [Foto: Mónica Patxot/PontevedraViva]

Carlos Vázquez Padín vén de ser elixido novo alcalde de Tui. Foino como resultado dunha polémica moción de censura, deseñada e promovida polo Partido Popular, que malia duplicar o número de concelleiros da formación de Padín, Converxencia XXI (CXXI), optou por lle ceder o bastón de mando. A dereita tudense, que se presentou dividida e fragmentada nas pasadas eleccións municipais, avanza desta maneira no proceso de aproximación que podería culminar nunha reunificación indispensábel para que o PP teña opcións de recuperar para si a alcaldía deste importante municipio do Baixo Miño. Mais non só. A división de Tui foi tamén un factor decisivo na perda dun deputado provincial que propiciou o desaloxo de Rafael Louzán á fronte da Deputación de Pontevedra, grazas ao acordo de goberno entre PSOE e BNG. 

Cunha corporación municipal hiperfragmentada, con até oito formacións diferentes, o goberno cuadripartito encabezado por Enrique Cabaleiro (PSOE) e integrado por BNG, Son de Tui e Alternativa Tudense, funcionou durante estes dous anos e medio sen gozar de maioría no Pleno. Esta situación colocou a Converxencia XXI, que se reivindica “galeguista e liberal”, como unha forza determinante, malia contar con apenas 2 actas dun total de 17. O seu líder, Carlos V. Padín ambicionou desde o primeiro momento facerse co bastón de mando. Tanto, que na xénese do cuadripartito, propúxolle ao PSOE integrarse nun goberno municipal a cinco bandas, sob a condición de lle ceder a alcaldía durante un ano e medio. A negativa do PSOE deixou a Padín fora do goberno, e ao goberno en minoría (8 concelleiras fronte 9) e exposto a unha moción de censura como a que se vén de materializar. 

Para a voceira do BNG, e concelleira de Patrimonio no anterior goberno, Carmen Núñez, a moción que enfrontaron foi “unha manobra antidemocrática”. Núñez xulga que “o Partido Popular non aceita de bo grado a vontade do pobo de Tui expresada nas urnas, recorrendo a estes atallos para chegar ao poder nun momento chave, xusto cando,o goberno actual ten en marcha toda unha serie de proxectos e avances para a cidade tudense”. A fronte nacionalista xa advertiu o novo equipo de goberno que exercerán de “oposición exixente”. 

Moción subvencionada

A operación foi deseñada e viabilizada polo Partido Popular que a nivel provincial dirixe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O obxectivo de Rueda é inequivocamente recuperar poder municipal para lograr retornar ao goberno da Deputación. Neste sentido, cobra relevancia o feito de que os representantes das catro formacións que subscribiron a moción e lograron aprobala, (CXXI, PP, Ciudadanos Tudenses e Alternativa Popular de Tui), acordasen previamente co delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, un paquete de actuacións do goberno galego en Tui que atinxiría investimentos por importe de 19 millóns de euros, segundo denunciou a presidenta da Deputación, a socialista Carmela Silva. 

A Xunta tería asumido realizar, entre outras cuestións, a rehabilitación do teatro provincial, a ampliación do colexio público, o inicio das obras dunha vía de acceso de alta capacidade co polígono de Areas, un novo pantalán deportivo, a posta en marcha dun centro de interpretación do casco histórico da vila, dotar de novas dependencias os xulgados, soterrar as liñas eléctricas ou instalar una nova rotonda na estrada de Guillarei. 

Home de palla

De se verificar a folla de ruta oculta, presuntamente, por tras da moción en Tui, o actual rexedor sería apenas un “interposto” que asumiría formalmente a alcaldía até os próximos comicios en maio de 2019. Unha das hipóteses de futuro que cobra cada vez máis forza, é que se o Partido Popular logra reintegrar de novo a toda a dereita tudense presentando unha candidatura unificada a esas eleccións, tería o camiño expedito para facerse coa alcaldía sen precisar de CXXI e podendo devolver ao hoxe alcalde, Carlos Padín, á oposición. 

Comentarios