O retroceso do galego asoma na homenaxe a Carlos Casares

A homenaxe do Parlamento a Carlos Casares —20 anos sen Carlos Casares— reuniu esta segunda feira na Cámara coñecidos rostros da política galega destas décadas nun coloquio en que se abordaron desde os primeiros pasos da autonomía e historias e anécdotas daqueles anos de autogoberno até a defensa de leis consensuadas, como a de Normalización Lingüística, que mostran o que se retrocedeu neste campo.
parla
photo_camera De esquerda a dereita: Pilar García Negro, Xosé Luis Barreiro, Rosario Álvarez, Mariano Raxoi, Francisco Vázquez e Miguel Barros.

O Parlamento galego acolleu o acto de homenaxe a Carlos Casares —deputado como "galeguista independente" entre 1981 e 1985 polo PSdeG, escritor e presidente do Consello da Cultura Galega— en cumprimento do acordo tomado por unanimidade dos tres grupos, PP, BNG e PSdeG. Un coloquio que reuniu o ex presidente español Mariano Raxoi, o ex vicepresidente da Xunta Xosé Luís Barreiro, o ex alcalde da Coruña e ex secretario xeral do PSdeG Francisco Vázquez, así como o ex deputado do PSdeG Miguel Barros e a ex parlamentaria do BNG María Pilar García Negro

A profesora e escritora foi a primeira en intervir, lembrando que aquela fora unha lexislatura convulsa: a expulsión dos tres deputados nacionalistas, por exemplo. Unha lexislatura na que, indicou García Negro,  foron aprobadas leis como a de Normalización Lingüística, ou a da TVG e a dos símbolos da Galiza.

"Todas fan referencia á defensa da lingua, cultura e identidade galega". E niso incidiu, citando intervencións do propio Casares en plenos da Cámara para apuntar ao consenso existente daquela en que o galego debía "recuperar o status de lingua normal da Galiza" ou que, no mínimo, tiña que ter o 50% como lingua vehicular do ensino. 

A realidade hoxe, catro décadas despois, é ben diferente ao que se reclamaba daquela. "Casares non escribiu A Galiña azul —título dun  conto infantil usado pola Xunta para denominar as escolas de ensino infantil— para bloquear o uso do galego na infancia", sentenciou García Negro.

"Volva, señor Casares"

Raxoi optou por un enfoque distinto. Destacou daquel Parlamento do que el fixo parte como deputado de Alianza Popular (hoxe PP) que había "moito nivel, algúns debían resucitar", dixo, concluíndo cun "Volva vostede, señor Casares". Para o ex presidente español, os "galeguistas independentes", como Casares, electos nas candidaturas do PSdeG e que votaron na investidura Xerardo Albor (AP) como presidente, "construíron sempre".

Tamén Xosé Luís Barreiro Rivas se referiu a aquela Cámara como "agradábel", onde "todos nos levábamos ben" e criticou que a historia deses anos se mire "desde unha posición de esquerdas, que non é verdade", pois dos 71 parlamentarios daquela lexislatura, "50 eran de dereitas". Pola súa parte, Miguel Barros centrouse en defender o legado galeguista de Ramón Piñeiro —mencionado reiteradamente no coloquio, "a persoa que máis influíu en Carlos Casares", dixo o presidente do Parlamento, Miguel Santalices—. 

Vázquez, por último e que, como Raxoi, interveu en castelán, defendeu aquela Cámara como "de superación do pasado, nunca de ruptura" e puxo en valor unha Constitución española "de todos". Todos os participantes, iso si, coincidiron en destacar o traballo feito por Casares, "bo galego e boa persoa". 

Comentarios