Maurício Castro

"Retomar Marx é importante, porque a situación da humanidade é catastrófica"

Maurício Castro (Ferrol, 1970) é profesor, activista da esquerda independentista e colaborador habitual de opinión en Sermos Galiza. Esta semana inicia unha serie mensal de artigos en que volve a Marx, esixe estudar a súa obra e propona como antídoto contra as renuncias da esquerda. O autor de O Capital naceu hai 200 anos en Tréveris, Alemaña, e morreu en 1883 en Londres.
 

mauricio castro
photo_camera O profesor e activista Maurício Castro. Foto: cedida.

-En que vai consistir a súa serie de artigos sobre Marx?

-A miña idea é aproveitar o segundo centenario do seu nacemento para publicar un artigo cada mes en que propoño volver a Marx de xeito crítico e non dogmático.

-Por que?

-Existe un descoñecemento xeralizado da súa obra e pensamento, tamén na esquerda, que cando o menciona é apenas con referencias xenéricas e superficiais. Mais a vixencia de Marx esixe que o retomemos. Tamén para non caer en posicións posmodernas que evitan a loita de clases e negan a centralidade da clase operaria. Retomar Marx de maneira creativa é importante, porque a situación da humanidade é catastrófica.

-A que se refire?

-Este modo de produción pon en perigo a especie e o medio natural. Cómpre reformular un programa revolucionario por pura necesidade.

-Cal será a estrutura da súa colaboración en Sermos?

-Quero facer un repaso de categoría en categoría, as categorías principais. Comezo co antagonismo fundamental do capitalismo, a explotación. De aí derívanse as clases sociais, o Estado, o poder do Estado, etcétera.

-Cando fala de vixencia de Marx, a que se refire?

-A súa é a análise máis profunda e precisa dos mecanismos de funcionamento do capitalismo. Cada vez que estala unha das súas crises cíclicas, que Marx preveu e que os liberais negan dicindo que son erros puntuais, demóstrase a vixencia do seu pensamento. A afirmación da loita de clases como motor da historia tamén é fundamental para entender a sociedade capitalista contemporánea.

-Mais hai unha vixencia social das súas teses?

-A posición evidente de derrota histórica e ideolóxica da esquerda deu paso a un cuestionamento de todo. Por caso, da centralidade da clase obreira. Mais, malia fenómenos como a deslocalización de empresas, en termos globais hai máis poboación asalariada ca nunca. É certo que en Europa, a morfoloxía da clase obreira mudou, mais mesmo aquí existe un proceso de reproletarización. Marx é unha ferramente fundamental para combater a supresión da esquerda. E a súa obra non abonda con lela, cómpre estudala.

-Marx e o seu legado están presentes na Galiza de hoxe?

-Galiza fai parte de toda unha dinámica internacional que, despois dunha sucesión de derrotas -a última, a queda da URSS-, deixou a esquerda en posición de debilidade e puxo en cuestión a centralidade do marxismo. Hai un profundo descoñecemento na esquerda. Xa non se fala de explotación como motor da reprodución social do capitalismo e, no seu lugar, a propia esquerda refírese a “xestionar o sistema” ou a “medidas compensatorias”. Mais só se eliminamos o traballo asalariado, como afirmaba Marx, eliminamos as desigualdades.  

-E existe unha tradición marxista nacional?

-Aínda que Marx elaborou as partes centrais do seu pensamento nun país avanzado como era Gran Bretaña, onde estaba exiliado e onde accedeu á maior biblioteca do seu tempo, o marxismo é unha teoría abranxente. Analiza un sistema mundial, en que existen rexións que teñen funcións determinadas. Galiza, que partía dun atraso económico obvio, xa fai parte do centro, embora sexa en posición periférica. Mais ten características dependentes compartidas con outros países.

-Iso plasmouse nun marxismo propio?

-A propia organización histórica do nacionalismo de esquerda inspirouse noutros países con economías dependentes. As súas teorías tomáronos como exemplo. Mais a esquerda na Galiza, igual que a esquerda internacional, abandonou o marxismo e só o recoñece como un elemento máis. Nas novas correntes da esquerda galega domina o posmarxismo, o posestruturalismo ou posmodernismo, e Marx é un adubo máis.  

Comentarios