O reto do BNG desde Lugo: "reforzar e multiplicar" a súa presenza municipal nas eleccións de 2023

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exponse como "reto" para os próximos dous anos, até as eleccións municipais de 2023, "reforzar e multiplicar a presenza municipal" dos nacionalistas nos concellos, como "preámbulo" para poder "liderar o futuro da Galiza".

BNG
photo_camera No centro, Ana Pontón, na foto de familia do cumio municipal que o BNG organizou en Lugo (Imaxe: Nós Diario).

Pontón concluía así con este desafío un cumio, programado no Hotel Méndez Núñez de Lugo, con até 52 representantes do ámbito local galego, entre alcaldes e concelleiros de toda a Galiza.

"O BNG é a forza política que máis crece neste país e temos unha excelente situación para non fixarnos límites despois de que en apenas dous anos conseguísemos recuperar a representación no Congreso dos Deputados e que ademais nos convertemos na segunda forza política deste país", remarcou Pontón.

Por iso, proclamou entre aplausos que "o reto está moi claro": "En dous anos hai que reforzar e multiplicar a presenza municipal do BNG, dos gobernos do BNG nos concellos".

"Cando o medio ambiente estaba moi lonxe de formar parte da axenda política, o BNG tomaba as rendas do goberno de Allariz coa recuperación do río como bandeira, e fai décadas que é un modelo de desenvolvemento sustentábel. Cómpre recordalo e presumir desa visión de futuro, agora que todo o mundo parece descubrir a importancia do verde", indicou a nacionalista a modo de exemplo.

A mesma capacidade de anticipación que demostrou con asuntos, continuou Pontón, como a axenda urbana, a mobilidade sostíbel e o calmado do tráfico. "Estes días as cidades galegas estrean a velocidade 30, que en Pontevedra leva implantada desde 2011, salvando vidas e colocando o coche por detrás das persoas", alegou.

"Cuestións como a compostaxe, para minimizar o impacto dos residuos orgánicos, ou a aposta por enerxías limpas no subministro público son xa sinais de identidade dos gobernos BNG, que mesmo é capaz de marcar a diferenza onde co-goberna sen liderar á Alcaldía, como é o caso de Lugo da man da equipa municipal que lidera Rubén Arroxo", salientou.

A achega do BNG a Lugo

Nesta liña, Pontón quixo facer "un recoñecemento e unha felicitación" a Arroxo e a todo o equipo municipal "polo excelente labor que levan realizando nestes dous anos e que demostra a importante achega do BNG a esta cidade".

"A chegada do Bloque ao Goberno municipal marcou un antes e un despois, está a revolucionar Lugo, está a facer que Lugo avance e progrese e isto é o principio de todo o que podemos facer nesta cidade", presumiu.

Lores e Arroxo

Tamén interveu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen destacou que no BNG "sempre" estiveron "a mirar e aprendendo de todas as vangardas que había a nivel mundial e aplicando todas esas prácticas nos nosos proxectos de país e de concellos".

Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, explicou o "simbolismo" que para os nacionalista ten o Hotel Méndez Núñez "porque hai 103 anos" decorreu alí a Asemblea Nacionalista de 1918. Iso si, foi "a 150 metros do hotel, pero despois viñeron a cear aquí", chanceou a continuación.

Comentarios