Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol

“A retirada dos honores a Fraga é política de presente e de futuro”

A pasada quinta feira o Pleno municipal de Ferrol daba luz verde a unha moción presentada polo BNG para lle retirar os honores e distincións concedidas a Manuel Fraga durante a ditadura, cando era ministro de Información. Conversamos ao respecto con Iván Rivas, portavoz do Bloque en Ferrol.

1552507928870
photo_camera [Imaxe: BNG] Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol

Por que decidiron presentar agora a moción?

En primeiro lugar, hei de dicir que fago política para o presente e para o futuro, non para o pasado. Neste contexto, lembraredes como estes días, na propia campaña electoral, apareceu un meme de Fraga no que se daba a entender que Fraga lle paraba os pés a Abascal [líder do partido ultradereitista Vox]. É dicir, se nos quería facer ver un ministro franquista como “adalid” da democracia cando no fondo uns e outros representan o mesmo. Ante situacións coma esta, non podemos permanecer calados debemos facer fronte a toda esta manipulación. Onte celebráronse as eleccións xerais, esa suposta “festa da democracia” que de festa da democracia non ten nada.

A que se refire?

A que durante todo este tempo de campaña e precampaña electoral os grandes medios de comunicación mentres ocultaban o nacionalismo pese a estar no centro do debate político, cansábanse de darlle espazo a Vox. Ao mesmo tempo nos seus editoriais alertaban do auxe do que eles chaman a ultradereita. Por un lado enxalzábano e polo outro criticábano. É obvio que é intencionado. O status quo prefire un goberno facha a un goberno democrático. Porque un goberno democrático no Estado español non é viábel se non ten en conta o nacionalismo. Se non, é imposíbel que sexa democrático. Por iso, o inimigo, para o status quo, non é Vox, senón o nacionalismo.

Se Vox non se presentase a estas eleccións o PP, a dereita española, levaría un golpe como un mundo, e faríase moi evidente que o argumento tan socorrido dunha sociedade dividida entre esquerda e dereita é falso. Ademais ao Estado non lle quedaría máis remedio que ter en conta o nacionalismo. Vox e o fascismo só están para equilibrar as cousas, por iso temos que saír do armario.

En que centrou a defensa da moción?

Pretendín que os dous argumentos que expuxen no Pleno sirvan para evidenciar que o que está acontecendo non é banal e que a única alternativa que existe é o nacionalismo. Aos representantes do PP, que están permanentemente coa lei e co cumprimento da lei na boca, dicíalles que o mínimo que podían facer, por decencia, é cumprir a lei á que tanto recorren para usala contra os pobos e contra os dereitos das persoas. Porque se sempre están esixindo o cumprimento da lei, por que non o fan cando se trata da lei de memoria histórica? A lei da memoria histórica é clara ao respecto, un título outorgado por méritos na ditadura hai que retiralo.

Por outra banda, quixen dirixirme a toda a progresía española para lle pedir que deixe de facer política demagóxica. O que predican que o apliquen. Na teoría defenden a pluralidade, a democracia e a diversidade, pero despois non teñen problema en aplicar o artigo 155 da constitución española contra os dereitos dos pobos.

A moción vai alén de lle retirar os honores a Fraga.

Como dicía, fago política para agora, para o día de hoxe e de mañá. No contexto actual cada vez está máis claro que só o nacionalismo é capaz de propoñer unha alternativa democrática. Ferrol é o exemplo. É sempre o nacionalismo quen remata por desvendar os vestixios do franquismo e enfrontar a retirada de privilexios que aínda persisten. Non é só a cuestión de retirarlle a Fraga o título de fillo adoptivo. O debate que se produciu ao redor da tumba da familia Franco tivo que ser instigado polo BNG.

Na ditadura o concello agasallou a Franco cunha tumba no cemiterio municipal pola que non pagou un peso e a día de hoxe a familia segue sen pagar as taxas municipais correspondentes. O BNG pediu a recuperación desa tumba como propiedade municipal a través dunha moción que foi aprobada, mais que o Goberno municipal non cumpriu. Así, ese mausoleo segue a estar en mans da familia Franco. Todo veu a raíz da posíbel exhumación dos restos do ditador do Val dos Caídos e pola posibilidade de que acabasen recalando en Ferrol. O executivo de Ferrol en Común nun primeiro momento veu dicirnos que isto non era importante, que a familia tiña dereito a soterrar os seus mortos onde quixese. Pola presión social á que se viron sometidos, acabaron aprobando a nosa moción. Unha moción, insisto, que non aplicaron.

E a cuestión é que máis alá do que poida acontecer coa exhumación dos restos de Franco, aquí seguen a conservarse os privilexios aos herdeiros da ditadura e iso non pode ser asumíbel nunha democracia. Tamén hai que lembrar que tivo que ser o nacionalismo quen retirase a estatua ecuestre de Franco da praza de España. A esquerda española nunca se atreveu a facer o que tivo que rematar facendo o BNG.

Insiste en facer política para o presente, a que se refire?

Explicaba que esta moción non pretendía facer unha revisión do pasado, senón que pretende facer política para o presente, nun contexto en que se está a producir unha deriva intolerábel. Que Vox non estea ilegalizado é unha aberración democrática, por iso digo que temos que saír do armario e facelo dunha maneira contundente.

Quedan moitas pegadas do franquismo en Ferrol?

Ferrol é xa unha cidade moi estigmatizada. A casa natal de Franco, que se reformou con cartos públicos na ditadura, segue a ter unha placa en que se exalta o franquismo. Por non falar do que acontece detrás da muralla do Arsenal militar. Rematar con todo isto ten interese para o futuro e hai que explicar que o que acontece agora, Vox, o rexurdimento do franquismo e outras cousas non son gratuítas nin banais. Preténdese manter o suposto equilibrio político para que todo permaneza igual. É ao status quo imperante a quen lle interesa que isto aconteza.

Comentarios