EXECUTIVA NACIONAL DO BNG

“Os resultados, sendo dignos, non son satisfactorios para nós”

Nunha primeira valoración de urxencia, a dirección da formación nacionalista sinala que cos resultados do 24M “o BNG consolida posicións e recupera claramente o papel de terceira forza política no noso país”.

Executiva Nacional do BNG
photo_camera Executiva Nacional do BNG

A Executiva Nacional do BNG realizou nesta segunda feira unha primeira avaliación de urxencia dos resultados das eleccións municipais que decorreron este domingo, unha análise que sintetizan en seis puntos e no que falan duns resultados “dignos” mais que, recoñece, “non son satisfactorios”. A Executiva parte do mapa que sae das urnas: 189.106 votos, 468 concelleir@s, 12,9% dos sufraxios, maioría absoluta en 13 concellos, con maioría noutros 4 e con probabilidade aritmética de atinxir a alcaldía noutras 10. A isto engade presenza nas 4 deputacións (“en 3 delas de xeito significativo”). Con todos eses dados sobre a mesa, a EN considera que “o BNG consolida posicións e recupera claramente o papel de terceira forza política no noso país”. Lembra este organismo que os obxectivos fixados para estes comicios polo Consello Nacional eran os resultados das eleccións ao Parlamento da Galiza de 2012 (145.389 votos e unha porcentaxe do 10,16%).

Porén, recoñece, non pode falarse duns resultados satisfatorios para o BNG. A Executiva Nacional centra neste punto o seu foco atención nas cidades, “agás Pontevedra”, que “ confirma a necesidade de mellorarmos os métodos de traballo político, especialmente nos espazos urbanos”.

Mapa político propio e pactos

O único elemento que permite a existencia dun mapa político propio en Galiza é o BNG, reflexiona a Executiva Nacional, cuxa presenza no proceso electoral “confirma que o pobo galego existe”. “Unha expresión política propia: o BNG-Asembleas Abertas, con presenza institucional en todas as comarcas da nación. O nacionalismo galego é, pois, un axente político significativo e imprescindíbel na Galiza.

Nesta análise tamén se afirma que a posición de voto dos representantes do BNG-Asembleas Abertas na conformación das novas corporacións locais “será contrastada colectivamente, contando cos criterios local, comarcal e nacional, sen pactos nacionais mecánicos ou a calquera prezo, como ten previamente avaliado o Consello Nacional”.

Agradecemento e apoio

O recoñecemento “polo inmenso traballo desenvolvido pola militancia do BNG, así como por todas aquelas persoas simpatizantes e adherentes ás asembleas abertas” nesta campaña e “unha mensaxe de ánimo e fortaleza” son outros dos puntos do comunicado

Comentarios