domingo 25/10/20

Resistencias en Podemos e en sectores das Mareas a que Beiras sexa o candidato ás galegas

A hipótese da candidatura de Beiras ás eleccións galegas condiciona todo o debate en En Marea. Segundo puido saber Sermos Galiza, hai serias resistencias a que o veterano político sexa o número 1 á Xunta en largos sectores de Podemos e as Mareas.

Beiras En Marea

"O problema con Beiras é que se ele quer, vai ser moi difícil dicerlle que non, entre outras cousas porque non hai tantos nomes cualificados como para lle facer fronte", afirma unha fonte de En Marea a Sermos Galiza. Segundo puido saber este meio -e embora o político de Brión ter manifestado en algunha entrevista recente que non pensa voltar a ser parlamentar-, Beiras manexa a hipótese de estender o seu epílogo unhas liñas máis até o ponto de se postular, mais unha vez, como candidato á presidencia da Xunta.

Podemos cuestiona Beiras embora Pablo Iglesias manifestase apenas meses atrás que lle faría ilusión velo encabezar a candidatura para as xerais. "Non é o mesmo ser o símbolo dunha candidatura galega ao Congreso que apresentarse con 80 anos como eventual presidente dun goberno", consideran nos círculos de dirección da marca podemita. As resistencias a Beiras non só se detectan na contorna de Breogán Riobóo -que xa se pronunciou abertamente a prol de apresentar como candidata unha muller-, mais tamén nos ambientes máis próximos aos congresistas de En Marea.

Nos acordos entre Anova, Podemos e IU que deron lugar á constitución da coligazón tripartita En Marea figuraba implicitamente a idea de que a candidatura para a Xunta sería para a formación liderada por Beiras

Nos acordos entre Anova, Podemos e IU que deron lugar á constitución da coligazón tripartita En Marea figuraba implicitamente a idea de que a candidatura para a Xunta sería para a formación liderada por Beiras. Anova non abriu aínda formalmente o debate sobre as persoas a promover para pelexar pola presidencia do goberno galego, un obxectivo que -cos estudos demoscópicos na man, coincidentes todos en que o PP non está en condicións de alcanzar a maioría absoluta- estaría ao alcance da man. "Antes do verán non se vai tomar ningunha determinación", afirman as fontes de Anova consultadas. Non hai présa: "Primeiro hai que se pór de acordo no proxecto político, logo virá o asunto das persoas. O que si hai é un espazo eleitoral consolidado. Outra cousa é que a el se podan sumar a el outros axentes".

Conceden, con todo, que "o de Beiras" (a súa hipotética candidatura) "sempre estará aí", aínda que salientan que "as súas propias palabras indican que fechou o seu ciclo no Parlamento [a diferenza do que ocorre no Congreso, para ser presidente da Xunta é conditio sine que non ter acta de deputado]".

A opción dunha persoa independente

Entre os sectores que cuestionan a candidatura de Beiras manéxase a hipótese de promover para cabeza de cartaz a algunha persoa independente de relevo e prestixio profisional e social. O obxectivo é que neste momento nos distintos segmentos organizados de En Marea non se ve ningunha candidatura clara. "Se non hai un referente alternativo claro, Beiras pode caer na tentación de dar o paso adiante, aínda que saiba que non conta coa simpatía de Podemos e de elementos das Mareas, nomeadamente da Atlántica", din as fontes consultadas por Sermos.

comentarios