Análise

A resaca electoral nos derrotados

Un gañador claro, o PP, cunha ampla maioría absoluta para gobernar catro anos máis. Unha vitoria agridoce, a do BNG, que triplica a súa representación pero non derrota Feixoo. E os perdedores, o PSOE, que fica sen o liderado da oposición, e os herdeiros de En Marea, que fican fóra do Parlamento da Galiza.
Comparecencia electoral de Galicia en Común, con Antón Gómez-Reino á fronte, na noite electoral. (Foto: EP).
photo_camera Comparecencia electoral de Galicia en Común, con Antón Gómez-Reino á fronte, na noite electoral. (Foto: EP).

Os fracasos electorais adoitan ir acompañados de convulsións internas. A proba de que os resultados da sección galega do PSOE son considerados como unha derrota é a reacción dos cadros e dos militantes da organización demandando un debate no partido e esixindo un cambio de rumbo. As análises e valoracións formuladas por Gonzalo Caballero desde o pasado domingo só convencen os máis próximos e está por ver se conta con apoios para manterse á fronte do partido outros catro anos máis. Os movementos dos últimos días, as declaracións dalgúns dirixentes e sobre todo o silencio doutros apuntan a que o vai ter moi difícil.

A práctica totalidade dos dirixentes con poder territorial no partido evitaron até o momento expresar o seu apoio público a Gonzalo Caballero. Agás o presidente da Deputación Lugo, José Tomé, cuxa chegada ao cargo foi unha imposición do secretario xeral do socialistas galegos, o resto das referencias do partido mantiveron silencio sobre a continuidade de Caballero. Así, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a súa homologa de Lugo, Lara Méndez, demandaron a apertura dun debate interno, mentres que o alcalde vigués, Abel Caballero, se limitou a analizar os resultados da súa cidade. Ao tempo, a dirección estatal do PSOE eludiu calquera mensaxe de apoio a un candidato que nunca gustou en Madrid.

Gonzalo Caballero deberá enfrontase hoxe á unha reunión da Executiva do seu partido. Segundo algunhas fontes será a primeira proba de lume para o candidato, cuxa valoración dos resultados e a receita para saír da crise, abrindo a formación ao “electorado moderado, centrista”, non concita grandes apoios. Aínda así, a chave continúa na man dalgúns baróns cuxa distancia co secretario xeral dos socialistas galegos é evidente, destacando entre estes o presidente da Deputación da Coruña,Valentín González Formoso. Unha parte cualificada dos socialistas galegos entende que o futuro do partido pasa por este último. Subliñan ao respecto o seu peso territorial e a súa sintonía persoal con Abel Caballero ou con Xosé Ramón Gómez Besteiro.

Os grandes derrotados

Os herdeiros de En Marea foron os grandes derrotados das eleccións de 12 de xullo. A inmensa maioría das enquisas e das análises daban por descontada a non entrada no Parlamento da Marea Galeguista de Pancho Casal, mais non contemplaban que Galicia en Común ficase fóra da Cámara. A contundencia do resultado está a amosar as diverxencias existentes entre os parceiros da coalición e sitúa o debate na continuidade da fórmula no futuro. Os últimos movementos no interior das diferentes pólas de Galicia en Común apuntan a unha forte convulsión e a unha revisión no marco de relacións entre os socios.

As explicacións sobre as causas dos resultados vai por barrios. Mentres Podemos garda silencio á espera da xuntanza da súa dirección esta semana, na organización todos dan por feito unha refundación do espazo con Antón Gómez-Reino fóra da Galiza e centrado nas súas responsabilidades no Congreso dos Deputados. As fontes da formación morada consultadas por Nós Diario insisten en desligar Gómez-Reino dos resultados e sinalan que “nunca tivo interese en encabezar a candidatura á Presidencia da Xunta e fíxoo obrigado pola dirección da organización”. Pola súa banda, desde Esquerda Unida culpan da derrota “as imaxes de división e enfrontamento interno” que “restan credibilidade ao noso proxecto político”.

A análise de Anova fai fincapé noutros aspectos. Fontes da dirección de Anova afirman a Nós Diario que “no noso campo cometéronse demasiados erros nestes últimos anos, algo que nos foi separando da xente” e denuncian “a tendencia hexemonista de Podemos, que levou a apartar o aspecto nacional do noso discurso e a apostar por referencias públicas sen tirón social”. A formación impulsada por Xosé Manuel Beiras considerou un erro non ter apostado como cabeza de cartel para os comicios galegos por Martiño Noriega, que precisamente esta semana dimitiu como concelleiro en Compostela e anunciou un paso atrás na súa militancia política.

O futuro da Marea Galeguista está no aire. Malia a intención do sector procedente da antiga En Marea de manter as siglas, os seus parceiros do Partido Galeguista e Compromiso por Galicia manifestáronse nunha dirección diverxente. Porén, Pancho Casal expresou a súa disposición a seguir á fronte do proxecto, que manterá unha reunión da súa dirección ao longo da semana para concretar a data da asemblea nacional.

Comentarios