Representantes municipais do BNG piden que se paralice o novo plan de transporte

Alcaldes e representantes de cogobernos municipais do BNG  denuncian o “impacto negativo” no redeseño  do transporte escolar,  e piden a creación dunha mesa de diálogo.

BNG

O novo plan de transporte segue sen convencer. Alcaldes e representantes de cogobrnos municipais do BNG realizaron esta cuarta feira unha reunión para analizar e tratar os problemas derivados dese novo plan, elaborado nun proceso sen  “rigor e transparencia”, segundo os nacionalistas. De aí que soliciten a súa paralización inmediata para fixar unha mesa de diálogo cos diferentes axentes.

Ana Pontón, portavoz do BNG, o novo plan de transporte da Xunta naceu de maneira “trapalleira e sen dialogo” e cun único obxectivo, “un recorte encuberto” e o deterioro do servizo. Critica que a Xunta non informase nin á comunidade educativa nin concellos do novo plan de transporte. “Cambio nas concesións, incumprimento dos pregos nas ofertas presentadas, a non realización de servizos, ou  tarifas abusivas” son algunhas das consecuencias.

A portavoz nacionalista lembrou que o novo plan suprime 600 liñas de transporte escolar que funcionaban con regularidade e eficacia pero a Xunta agora  ofrece como alternativa a este servizo utilizar o transporte regular. Para o BNG, esta medida “é un paso atrás e un recorte no transporte público”.

Pola súa parte, o alcalde das  Neves, Xosé Manuel Rodríguez, en nome dos representantes municipais do BNG acusou a Xunta de poñer en marcha un novo modelo de transporte a través dun proceso que non contou coa necesaria comunicación e participación  dos concellos.  Afirma que os concellos non tiveron oportunidade de trasladar as necesidades e demandas  dos usuarios, “non se deu conta adecuada dese servizo” o que creou problemas sobre todo na poboación que habita o rural, afirmou.

Xosé Manuel Rodríguez incidiu na necesidade de crear unha mesa coa participación de todos os concellos para un novo deseño do transporte destinado a acadar, dende hoxe  ao ano 2019  unha resposta integral en todo o territorio galego e nos permita, no inmediato, contar con todos os servizos necesarios para cubrir as necesidade da nosa poboación.

Comentarios