POLÍTICA

Representantes do mundo da cultura apoian AGE nun manifesto

Representantes do mundo da cultura apoian AGE nun manifesto

Cunha listaxe de 173 nomes, representantes de distintos sectores do mundo da cultura entran en campaña para apoiar a opción de Alternativa Galega de Esquerda. A escritora Rexina Veiga presentou a iniciativa da man d”s tres representantes da organización Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz e Lidia Senra. 

presentacion
photo_camera presentacion

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e o propio Xosé Manuel Beiras son algúns dos nomes que integran a listaxe na que tamén figuran Fran Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Darío Xohan Cabana, Mónica Caamaño, Morris, Chus Pato, Vicente Montoto, Antía Otero, Francisco Pillado, Xavier Seoane ou Rexina Veiga, encargada da súa presentación nun acto público en Compostela. 

Destacan, de maneira especial, os nomes que se moven no entorno de Xosé Manuel Beiras e, en especial, de Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros, varios nomes que foron o seu apoio na Academia Galega e poetas das Redes Escarlata. 

 “Somos clases populares, e sabemos que só organizando a rebelión cívica e facendo parte da Internacional do traballo e dos pobos agredidos seremos capaces de organizar o noso propio futuro e de garantir un mínimo de mil primaveras máis para a lingua galega”, sinala o  Manifesto de traballadoras e traballadores da Cultura, que foi lido pola escritora Rexina Veiga. 

“É preciso combater, ademais, a uniformización cultural procedente sobre todo dos Estados Unidos”, apuntou a candidata Lidia Senra na presentación do manifesto esta cuarta feira en Compostela. “Hai século e medio que se comezou a erguer a cultura galega, e estes cipaios estana a destruír”, engadiu Beiras. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios