Foro España-Estados Unidos

Representantes da elite económica e política de EUA e España reúnense en Galiza

O encontro terá lugar en Compostela e finalizará cunha cea de cerimonia no Pazo de Oca (A Estrada). Marchas da Dignidade convoca concentración de protesto.

foro españa estados unidos felipe VI Imaxe Casa Real
photo_camera Imaxe: Casa Real

Desde 1995 representantes do mundo da política e a economía de España e os Estados Unidos manteñen unhas xuntanzas baixo a denominación Foro España-Estados Unidos. Este 2016 é a XXI edición destes encontros, que decorren esta semana en Galiza. O Foro realízase alternativamente en España e os Estados Unidos, cada ano nunha cidade distinta. Está organizado pola Fundación Consello España-Estados Unidos e a súa contraparte United States Spain Council. A estas reunións acoden importantes personalidades da política e da economía de ambos os dous estados, entre eles os reis de España, por exemplo. Entre os patronos do Foro hai importantes nomes e empresas como Acciona ou o BBVA, entre outras.

No Foro que vai decorrer en Compostela e no Pazo de Oca (A Estrada) estarán presentes, entre outros, varios embaixadores, o director do CNI, ex-asesores do presidente de EUA ou mandos militares, para falar de ciberseguridade. Non é a única cuestión a debate neste encontro, onde tamén se falará de economía e cambio climático, así como do papel das institucións culturais, relatorios nos que tomarán parte ex-ministros e directivos de empresas, entre outros

“Fóra a mafia do noso país”

A Plataforma Galega das Marchas da Dignidade convocou unha concentración de repulsa a este foro. Terá lugar ás 19:30 horas do sábado, 18 de xuño, no Pazo de Oca (A Estrada), lugar eleito para a cea de gala que acompaña este foro. O lema da mobilización é 'Fóra a mafia do noso país'. “Á clausura acudirá o Felipe de Borbón coa súa compañeira, Letizia Ortiz. Desde as Marchas da Dignidade, animamos a acudir alí a berrar contra esese foro e o que representa, non podemos calar fronte á infamia”, afírmase na convocatoria.

Comentarios