Representantes de Compromiso por Galicia selan o seu apoio a Nós

O grupo municipal de Vilar de Santos manifesta que Candidatura Galega “é a única opción que ten os pés, o pensamento e o corazón neste país”

nos compromiso


A cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega por Ourense, Noa Presas, recibiu en Vilar de Santos o apoio do grupo municipal de Compromiso por Galicia. O alcalde do municipio ourensán, Xan Jardón, selou publicamente o seu compromiso coa alternativa política representada na formación de confluencia, igual que fixeran antes destacados representantes de Compromiso, como Xosé Carballido ou o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña.

“NÓS está configurado por unha serie de partidos que levan toda a vida traballando por este país. Tomamos partido por NÓS porque é a única opción que ten os pes, o pensamento e o corazón neste país”, manifestou Jardón. 

Pola súa banda, Presas agradeceu o apoio e puxo como referente concello de Vilar de Santos. Afirmou que o modelo amosa “que se poden facer as cousas doutras maneira no rural e que son premiadas nas eleccións pola veciñanza. Presas destacou que “o único voto útil en Ourense é o que defende o país, sen tutelas”. 

Rodil pide un futuro para o sector gandeiro

A cabeza de lista de Nós por Lugo, Olalla Rodil, visitou o domingo unha explotación gandeira en Barreiros onde se solidarizou coa situación das persoas produtoras de leite. Afirmou que “o sector gandeiro na Mariña, aínda ten moitísimo peso e segue mantendo centos de familias; pero, de non ser polas políticas que o afogan, a súa potencialidade podería ser maior e falar dun sector que creara postos de traballo.”

Rodil valorou que as familias que dependen do sector “seguen loitando por sobrevivir e seguir alimentando á poboación desde as súas explotacións, nun rural galego condenado a ser reserva turística segundo os plans da Unión Europea e os gobernos galego e español”.
 

Comentarios